Os dereitos humanos son unha convención social que proclama a dignidade de todas as persoas en base a unha única razón: a súa condición humana.
Así, de forma xurídica, defínese a relación de cada individuo e colectivos coa sociedade universal á que pertencemos, fixando uns criterios fundamentais que aseguren a dignidade, liberdade e realización de todas as persoas por riba de condicionantes particulares (orixe, sexo, cultura,…)
Como se enuncian os dereitos humanos?
A existencia duns dereitos para todas as persoas aparece unha vez a concepción humanista da realidade desterrou á relixiosa. Inicialmente, este “humanismo” só abranguía a unha minoría (quedaban fóra as mulleres, os pobos considerados “inferiores”…), e ainda hoxe en día non está asumido universalmente.
Haberá que esperar á fin da II Guerra Mundial para comezar a enunciar os dereitos humanos dun xeito universal. En 1948, a Asemblea Xeral da ONU formularon a “Declaración Universal dos Dereitos do Home” (DUDH).
Críticas á declaración universal dos dereitos humanos.
- Non Pluralidade A DUDH, aínda que se pretende universal, é filla do seu tempo e dos seus pais, os Estados-Nacións que venceron na II G. M. Daquela, a maior parte do mundo era unha colonia dos países occidentais… así na DUDH non se recoñece o dereito a autodeterminación dos pobos.
- Androcentrismo O texto da Declaración de 1948 mudou o nome, pasando a ser a “Declaración Universal dos Dereitos Humanos”.
- Defensa do Estado-nación por riba de todo No s XXI, tamén se ten centrado a visión nos axentes que enuncian os dereitos humanos. A “Declaración Universal de Dereitos Humanos Emerxentes”, fixose tendo en conta as propostas, non dos estados-nación, senon das persoas, da sociedade.
“A ‘Declaración Universal de Dereitos Humanos Emerxentes’, fixose tendo en conta as propostas, non dos estados-nación, senon das persoas, da sociedade.”
Cales son os dereitos humanos?
Na DUDDH se recolleron moitos dos dereitos humanos básicos:
- Á vida e a integridade física.
- Á presunción de inocencia, a igualdade ante a lei, a un xuízo xusto e á non
aplicación retroactiva das leis. - Á liberdade de conciencia e expresión.
- Á liberdade de asociación, sindicación e participación política.
- A ter condicións de vida dignas (alimentación, vivenda, vestido, saúde,
asistencia médica,…). - Ao traballo, á seguridade social e ao descanso.
- Á educación fundamental gratuíta…
Coma se garanten os dereitos humanos?
Trala DUDH demostrouse deseguido que a simple enunciación dos dereitos humanos é insuficiente para conseguir a dignidade das persoas; é precisa unha acción social e política. Por esta razón a ONU iniciou un proceso para que existise un mecanismo vinculante.
- En 1966, enunciáronse os “Pactos Internacionais polos Dereitos Economicos, Sociais e Culturais” (PIDESC) e o “P. I. polos Dereitos Civis e Políticos” (PIDCP) nos que por fin, entre outras cousas, a ONU recoñecía o dereito á autodeterminación dos pobos e a prohibición da pena de morte. Estes pactos entre os Estados incluían uns protocolos para garantir o cumprimento dos dereitos humanos dentro dos seus territorios.
- Non foi até 1976 en que por fin certo número de estados aceptou asumir os pactos. Aínda hoxe en día grandes países como EE.UU, China, Pakistán, Sudáfrica, …, non os asinaron.
“A violación dos dereitos humanos é sistemática e continuada. Na maioría dos casos son os Estados os que violan os dereitos humanos.”
Quen viola os dereitos humanos?
En xeral a violación dos dereitos humanos é sistemática e continuada. Na maioría dos casos son os Estados os que violan os dereitos humanos:
- No ano 2012, os estados executaron polo menos 682 persoas e outras 1722 foron condeadas (1).
- No estado español hai máis de 30.000 “persoas sen teito” (2). En 2012 houbo máis de 32.000 desafiuzamentos de primeira vivenda; arredor de 2.500 destes fixéronse mediante a forza policial (3).
- Moitos países da UE teñen prohibida a unión civil e a adopción para os homosexuais (Italia, Polonia, Grecia, …) (4). Actualmente en 76 países do mundo está penalizada a homosexualidade, chegando nalgúns casos á pena de morte e cadea perpetua (5).
- No mundo hai 842 millóns de persoas famentas (6) e perto de 60 millóns de menores sen poder ir á escola primaria (7).
- Entre 1995 e 2013 o Estado español aplicou rectroactivamente a “doutrina Parot” a máis de 80 peroas presas (9).
- Só no concello de Vigo hai 40.000 persoas que teñen comprometidas as súas necesidades materiais pola falla de traballo ou dunha renda básica (10).
Que podes facer ti?
Denuncia e visibiliza todo tipo de violacións de dereitos dos que teñas coñecemento, non só dos recollidos na DUDH, senon tamén de calquera cousa que ti vexas que vulnera a dignidade das persoas. Participa en campañas e iniciativas que pretendan a protección e
recoñecemento dos dereitos humanos, e o enfrontamento e a denuncia de quen non os respecta. Insírete nalgunha/s das organizacións que traballan neste eido, e/ou organiza as túas propias iniciativas para acadar que os dereitos de cada un/ha de nós sexa respectado!
Autoría: Ecoar)))