Que son as forzas e corpos de seguridade do estado? (Segunda Parte)

Que irregularidades cometen?

Emprego desproporcionado da violencia. En moitas ocasións as forzas de seguridade empregan a forza a pesar de haber un clima pacífico na protesta. Isto é o que sucedeu, por exemplo, en maio de 2011 en Plaça Catalunya, onde se cargou contra a xente que estaba a protestar sentada no chan.

Infiltración dentro da masa para provocar situacións de violencia. En ocasións as forzas de seguridade empregan a axentes infiltrados para provocar disturbios e así desvirtuar a protesta.

Non amosan identificación. A pesar de que o seu réxime de funcionamento lles obriga a identificarse, as forzas de seguridade (especialmente os antidisturbios) non levan a identificación visible. Isto fai que poidan actuar con total impunidade sobre a xente e nunca se poida render contas fronte á xustiza.

Agresión a menores. Os menores gozan dunha especial protección en tódolos eidos lexislativos, pero cando actúan as forzas de seguridade do estado isto non é así. Exemplo disto temos a carga policial en Valencia contra os estudantes do Lluís Vives no mes de febreiro de 2012 aos que o propio xefe da Policía, Antonio Moreno, cualificounos como “o inimigo”.

Uso de pelotas de goma. As pelotas de goma seguen a ser empregadas pola policía como unha das principais armas coas que actuar sobre a poboación civil, a pesar de que no ano 2011 o seu uso foi prohibido en Europa ao ser un arma que pode chegar a ser mortal. Isto foi o que sucedeu o 29/03/2012 no que o seguidor do Athletic de Bilbao Iñigo Cabacas morreu a causa dun impacto dunha bola de goma lanzada pola ertzaintza.

As cargas son indiscriminadas. Cando as forzas de seguridade do estado cargan contra unha masa de xente, xs axentes non distinguen ben entre a masa e, tal e como recoñecía o voceiro do Sindicato Unificado de Policía, José María Benito despois das cargas policiais do 25S do 2012: “Cando á Policía se lle ordena cargar, as cargas non son pacíficas, é dicir, son violentas por natureza, por definición. A Policía non pode distinguir entre manifestantes pacíficos ou violentos. Que é verdade que nunha carga policial pagan xustos por pecadores e que hai xente que pasa por alí, que non ten nada que ver cos violentos e tamén recibe? É verdade”.

Gases lacrimóxenos en lugares pechados. En ocasións as forzas de seguridade empregan estes gases para desaloxar dun  lugar pechado ás persoas, a pesar de que xa está demostrada a súa mortalidade nese tipo de usos que implican que as persoas estean expostas durante un tempo medio a este tipo de substancias.

Autor Ecoar))).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *