Non é casual que o recorte no Estado social vaia acompañado dun incremento da capacidade punitiva do Estado, dunha maior persecución da disidencia política, da protesta social e da pobreza. A reforma do Código Penal impulsada polo Ministro de in-Xustiza Gallardón, supón unha quebra do Estado de Dereito, recentemente debilitado con outras reformas, como as Taxas Xudiciais.
Establécese unha política criminal pensada para protexer o status quo da elite económica e política ante o aumento do descontento social por mor da dureza da crise.
Endurécense as penas de moitos delitos, especialmente os mediáticos, a golpe de alarma social. Compre repetir que, segundo datos obxectivos, o Estado español ten un índice de delincuencia moito menor ca media europea, porén o sistema español é o máis duro e carceleiro de Europa. Dende 1979 as persoas recluídas incrementáronse un 750%. Na actualidade hai 159 persoas recluídas por cada 100.000 habitantes -entorno ao 80% por delitos relacionados con drogas e delitos contra o patrimonio, cunha vinculación directa coa exclusión social-. A media europea é de 96 por 100.000 presos. Desde fai 20 anos a delincuencia no Estado español presenta unha liña descendente.
A reforma do CP impulsada polo goberno é de corte autoritario que busca a dicotomía da sociedade entre os bos cidadáns contra os delincuentes, instalando o medo, a violencia e a insolidariedade na cidadanía. Mentres a delincuencia de colo branco segue amparada polo seu status social – económico, e a tan afamada “loita contra a corrupción” anunciada na reforma, fica completamente insuficiente.
Coa nova figura da prisión permanente revisable pretendese dar unha idea de maior dureza penal implementando para determinados delitos o cumprimento integro da pena de privación de liberdade durante un tempo mínimo de 25 e 35 anos. Só despois dese período aplicarase o sistema de revisión que permita a posta en liberdade.
“A nova figura da prisión permanente revisable supón unha vulneración flagrante do dereito a reinserción social consagrado na Constitución.”
Esta figura supón unha vulneración flagrante do dereito a reinserción social consagrado na Constitución, así como outros dereitos fundamentais. A permanencia en prisión durante longos períodos de tempo causa nas persoas danos irreversíbeis.
O actual código penal xa permite até un cumprimento efectivo de incluso 25, 30 e incluso 40 anos. Estes límites son moito superiores aos establecidos nos países da nosa contorna nos que existe a prisión permanente revisábel.
Amais desde a perspectiva económica, dificilmente sería asumible en tempos de recortes a introdución desta figura, empeorando aínda máis a precaria situación que vive no seu conxunto a poboación reclusa.
Introdúcese tamén as medidas de seguranza que prolongarán o control do individuo en liberdade vinculadas con a “perigosidade” da persoa, podendo ser mais graves que as penas impostas.
No que respecta ao conflito social, a ampliación dos delitos sobre desordes públicos, do delito contra atentado á autoridade e a agravación xeralizada de penas deste delitos, afecta directamente ás liberdades cidadás e dereitos constitucionais de manifestación, reunión e folga.
“Tipifícanse como novos delitos a resistencia meramente pasiva da persoa nunha mobilización, ou difusión de mensaxes que “inciten” à alteración da orde pública.”
Tipifícanse como delito novas conductas como a resistencia meramente pasiva da persoa nunha mobilización, ou difusión de mensaxes que “inciten” à alteración da orde pública.
Asímesmo, actitudes de supervivencia, como o hurto de alimentos, pasa a ser delito menor, sen ter en conta o importe, senón o animo de sustración.
A reforma robustece a figura de autoridade, que será aplicada tamén a persoal de vixiancia privada cando actúen baixo o mando das Forzas e Corpos de Seguridade.
Suprímense todas as faltas, que pasan a ser delitos leves ou directamente sancións administrativas.
E neste punto, a nova lei proposta de Seguridade Cidadá pecha o círculo. As antigas faltas contra a ‘orde pública’ converteranse en sancións administrativas, onde a Administración é xuíza e parte, coa consecuente redución de garantías e dereitos fundamentais, sumado ao pago de taxas no caso de querer recorrer xudicialmente as multas (en penal non hai taxas). Unha represión de baixa intensidade, máis silenciosa e sutil que as porras pero disuasoria da mobilización social, basada no medo ás ‘represalias’ e ultra-controladora da presencia na rúa, a coñecida buro-represión.
Menos mal, que perante a buro-represión xa naceu a buro-resistencia.
Autoría: Observatorio de Dereitos Humanos, Civiles e Políticos. Asociación de Avogados Novos de Vigo.