Por Dereitos da Infancia entendemos o conxunto de normas internacionais que protexen as persoas ata os dezaoito anos. Estes dereitos son irrenunciables e inalienables, polo que non poden ser vulnerados por ninguén en ningún caso. A Convención dos Dereitos dos Nenos de 1989 recoñece ás crianzas como titulares activos, isto é, non son só beneficiarias senón tamén promovedoras e transformadoras.
“As crianzas teñen dereito a dar a súa opinión e que sexa tida en conta. Teñen dereito á liberdade de pensamento, de crenzas e de relixión.”
As crianzas teñen dereito a dar a súa opinión e que sexa tida en conta. Teñen dereito á liberdade de pensamento, de crenzas e de relixión. En cambio poucas poden elixir que relixión profesar, por exemplo. Eliximos para elas, sen contar con elas.
Teñen dereito a non ser obxecto de inxerencias na súa vida privada, correspondencia, etc. ¿Cantas persoas len o móbil dos fillos e das fillas?
Hai que protexer á infancia de toda forma de maltrato e violencia (física, psíquica, sexual ou verbal). A labazada a tempo, as cadeiras de pensar, o ‘es malo/a, es parvo/a’, prácticas socialmente aceptadas pero que son maltrato e menoscaban a súa dignidade.
Teñen dereito a un nivel de vida axeitado. Nun país sumido no desmantelamento do Estado de Benestar e cunhas taxas de paro alarmantes, moitas familias non teñen os recursos suficientes para garantir a cobertura das necesidades máis básicas de tódolos seus membros, incluídos os e as menores.
Non esquezamos o Dereito á Educación, que terá en todo caso que respectar a dignidade da crianza en canto persoa. A Lei Wert, que supón unha volta a sistemas educativos da época franquista, o recorte en becas e a subida de taxas, que deixan fora á clase media. Educación baseada unicamente nos resultados, na memorización e na competición por ser ‘mellor’.
O sistema capitalista só ten en conta as necesidades e opinións do grupo dominante, isto é, varón de media idade. O resto (persoas con discapacidade, mulleres, persoas maiores, grupos étnicos minoritarios e as crianzas) non poden acceder a cotas de poder nin denunciar as vulneracións.
Necesitamos unha nova visión da Infancia como iguais. Necesitamos entender que o noso privilexio coma adultas debe servir unicamente para protexer e garantir os Dereitos, non para impor, ningunear ou aproveitarnos.
Autora Equipa do Enrédate Radio.