Estimulando a destrucción do litoral.

Errare humanum est, perseverare diabolicum.

Piscifactoria

En maio de 2013 entrou en vigor a Lei de protección e uso sustentable do litoral, que modifica a Lei de Costas. A Lei de Costas do 1988 xurdiu en resposta á febre urbanística dos anos 60 e 70 que cementou boa franxa do litoral español. Pretendía ser un punto de inflexión que paralizase o fenómeno destrutivo e privatizador do litoral pero a intención entusiasta desta lei quedou truncada. A creación delirante de infraestruturas de transporte, a construción masiva de segunda residencia, a moda do ladrillo – inversión, xunto co baleirado da “España rural interior”, fixo que o novo boom inmobiliario dos 90 e a euforia urbanística do 2000-2007, urbanizase gran parte da costa española.

“En vez de tomar medidas para protexer o litoral supervivente, as institucións ceden ante intereses corporativos e privados.”

Perante esta situación, sumado ás ameazas da mudanza climática, en vez de tomar medidas para protexer o litoral supervivente, as institucións ceden ante intereses corporativos e privados.

Enmascarada baixo un título burlesco e co falso obxectivo de acadar a “seguridade
xurídica”, a Lei de Costas do 2013 flexibilízase para permitir novas dinámicas devastadoras. Destacamos algúns cambios:

  • Permítense obras de consolidación (antes prohibidas) nas construcións en Dominio Público Marítimo Terrestre (mentres dure a concesión), así como na servidume de protección. Isto fai que as obras que estaban predestinadas a desaparecer para liberar a costa, poderán agora perpetuarse.
  • Redúcese a servidume de protección de 100m a 20m nos núcleos de poboación que reúnan as características do solo urbano.
  • Exclúense do DPMT, en certos casos, as actividades de cultivo mariño (plantas de acuicultura), e permítese a instalación destas plantas na servidume de protección.
  • Prorrógase o prazo máximo das concesións de 30 a 75 anos.
  • Incorpórase a transmisión inter vivos das concesións (até agora só se transmitían mortis causa), o cal quebranta a inalienabilidade do Dominio Público (non se pode vender).
  • Faise un deslinde singular de 12 municipios “amnistiados” con urbanizacións que antes ocupaban o DPMT e agora, escusándose na degradación da zona, quedan fora do DPMT (en Galicia: Moaña).

Xa non veñen con rodeos. A desprotección do litoral queda perfectamente recollida na nova Lei de Costas.

Autora Begoña C. Ríos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *