O limón da discordia. Os outros custos da industria alimentaria.

Precisas un único limón, poñamos que para un cóctel. Vas ao “súper”, e descobres que xa non os venden soltos, só en mallas de 1 kg a 1,49 euros; dubidas, sénteste un chisco estafada, pero os mercas. Xa de camiño a casa, les a etiqueta do saquiño: “Orixe: Chile”. O día seguinte, no mercado fíxaste no prezo da froiteira: limón “do país” 2,49 euros/kg. Pregúntaste: pero como? Non hai custos de transporte? Os chilenos non pagan impostos de importación?
Lemon

“Esta situación de globalización, aínda que rendible monetariamente para algúns, trae consecuencias nefastas para a maioría.”

Mentres tanto, un limoeiro preto da túa casa está repleto de froitos que non teñen quen os apañe; ou, nunha situación intermedia, no Levante español, a explotación de milleiros de hectáreas de cítricos está paralizada por falta de rendibilidade económica.
Pero si, no prezo daqueles limóns chilenos van incluídos os custos de transporte e os impostos de entrar na UE. Acontece que os custos monetarios de produción (custo da terra, o regadío, a man de obra, os impostos…) son inferiores naqueles países. Aqueles limóns “estranxeiros” son máis competitivos en orixe, favorecendo así a aparición dunha economía de escala (a máis cantidade, menor custo por unidade), non só na parte da produción senón tamén, consecuentemente, nas partes da distribución, comercialización e financiamento, isto é tamén custa menos empacalos, refrixeralos, transportalos…

É a lóxica apisoante do mercado. Dende aquí fixámonos nestes casos, como o do limón chileno pero en realidade isto ocorre en todas as direccións; quizais un dos casos máis escandalosos sexan as 20 toneladas de auga embotellada que intercambian Reino Unido e Australia (en ambas direccións!!).

Esta situación de globalización, aínda que rendible monetariamente para algúns, trae consecuencias nefastas para a maioría: emisión de CO2 á atmosfera, o consumo superfluo dun ben escaso e valioso como o petróleo, extensión de grandes monocultivos, pérdida de calidade dos produtos (colleita en verde, transxénicos…) e, quizais a máis evidente de todas, a opresión dos produtores, que baixo a espada da competitividade,
apenas poden loitar pola mellora das súas condicións laborais e socioambientais.

Autor: Uxío Reinoso

Foto: Lau

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *