Cando lin a proposta temática da Revista A Boia para este novo número non dubidei un intre. Hai uns meses tiven a oportunidade de coñecer a Costa da Morte, un lugar máxico onde as paisaxes e as lendas, os faros e as vilas mariñeiras namoráronme ao momento. A Costa da Morte, que se estende polo litoral coruñés comprendido entre Fisterra e Malpica, toma o seu nome da multitude de naufraxios que alí se deron polos acantilados abruptos e a climatoloxía da zona ata que se levantaron os coñecidos faros.
As lendas mestúranse con episodios históricos nestas terras máxicas onde o sol parece morrer cunha intensidade diferente. Sentado preto do Faro de Fisterra, onde os romanos pensaban que remataba a terra e onde os celtas erixían un altar sagrado, reparei na enorme cantidade de botas de peregrinos abandonadas á súa sorte. Parece ser un xesto común entre os peregrinos para simbolizar a súa pegada nestas terras, pois moitos dos que se dirixen a Compostela adican un día máis para chegar ata aquí, ata a fin do mundo occidental. Pequenas pirámides de pedras adornan tamén as rochas mirando ao mar, no que parece ser un recordatorio das miles de almas afogadas nesas augas bravas e intensamente azuis. Hai lendas que incluso culpan á poboación local de certos naufraxios, pois din que os paisanos colgaban lanternas dos cornos dos bois buscando confundir aos barcos e facelos naufragar para apropiarse dos seus cargamentos. Dos accidentes marítimos que estas costas presenciaron, o máis dramático foi o do barco militar HMS Serpent, no que morreron case 200 militares británicos a finais do século XIX. A poboación local rescatou os corpos e enterrounos no que hoxe é o “cemiterio dos ingleses”, moi preto de onde anos máis tarde se construiría o Cabo Vilán, o primeiro faro eléctrico do estado español.
A Costa da Morte é unha paraxe única cunhas vistas incribles que recolle a esencia do país. Toda persoa galega debería coñecer esta terra de contrastes onde o verde dos montes limita co azul deste mar que ás veces dá vida e ás veces róubaa, coa banda sonora das ondas bravas de fondo.
Autor Daniel García.