Cando se constituiu a Plataforma Pola Defensa da ría de Vigo “CÍES”(PDRV)?
Aínda que se levaba traballando case un ano, a Plataforma constituiuse legalmente no mes de outubro de 1.993.
Cales son os obxectivos fundamentais que persegue a Plataforma?
En términos xerais, loitar para acadar un saneamento integral da Ría, a defensa do medio ambiente, potenciar unha maior produtividade natural e a mellora da calidade de vida da cidadanía.
Pode citar algunha das campañas nas que participaron?
Nos anos noventa impediuse a instalación da empresa de hidrocarburos PETROVIGO en Bouzas que tería significado para a ría a súa sentenza de morte,non só polo movemento de carga e descarga de hidrocarburos nos peiraos, tamén polo que suporía o subministro de combustible a flote dentro da ría ou no corredor de navegación da costa galega.
Como valoran a nova Lei de Costas e que consecuencias pode ter na Ría de Vigo?
A reforma da Lei de Costas está feita para privatizar terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT), isto é, terreos gañados ás praias e mesmo a lámina de auga. Unha reforma que deturpa e confunde os aterramentos e construcións nos areais e lámina de auga, cos núcleos tradicionais mariñeiros construídos sobre propiedades privadas, aos que por certo, non dá solucións efectivas.
O posicionamento da PDRV é contrario a esta reforma aprobada o 9 de maio. As razóns son multiples e variadas, destacamos especialmente:
A posta en marcha dunha lei concebida para protexer o medio ambiente non pode significar un retroceso das políticas protectoras adoptadas con anterioridade para todo o litoral. Porque é unha reforma que propugna graves discriminacións, que abre as portas á privatización de terreos de DPMT de xeito que os especuladores dos ultimos 30 – 40 anos, pasen a ser propietarios duns bens de DPMT que son da colectividade.
É unha reforma que non aporta solucións aos problemas reais da gran presión urbanistica sobre a primeira liña de costa consecuencia dunha desmedida especulación inmobiliaria e mesmo industrial, de maior ou menor grao de contaminación, polo que non sería preciso a súa instalación na ría para a súa actividade.
Os efectos sobre a Ría de Vigo, poden ser diferentes. Ocupacións e privatizacións
de zonas dunares Samil, Rodeira, O Vao, Praia America ou Baiona. Aterrados sobre
os que de forma irregular se fixeron construcións no bordo costeriro de todos
o municipios da ría.
Cómpre dicir que aínda está sen aprobar o regulamento de desenvolvemento da
propia lei e que podemos atoparnos con moitas sorpresas cando isto se dea.