A sociedade de consumo e o engano empresarial.(Segunda parte).

consumoO engano da clase media.

O boom económico das últimas décadas axudou a estender a falsa idea da universalización da clase media, necesaria para incentivarnos a consumir. Con algunhas concesións básicas como o lixeiro aumento dos salarios e algúns dereitos laborais, os poderes económicos coaligáronse cos bancos e dominaron ás elites políticas que dende entón xogan o papel de monicreques dos mercados. Estafas como os créditos, microcréditos, hipotecas e préstamos conseguiron un exército de novas vítimas, seres racionais convertidos en irracionais ao estaren atados a un banco ou a unha financeira para poder acceder a dereitos básicos como a vivenda ou a pequenos luxos como os automóbiles. Non é casualidade que desgravase a compra de vivenda e non o aluguer (foi un mercado en auxe ao que debían darlle saída), que os gobernos financiasen a  renovación do parque automobilístico con suculentas axudas públicas que repercutían sobre só algúns consumidores.

Agora que a crise sistémica golpea a todos os sectores da sociedade descubrimos que todo iso era aparencia e fachada. Non “vivimos por riba das nosas posibilidades”, como repiten os voceiros do capital, senón que eles permitiron e mesmo alentaron que todos tivésemos a impresión de que todos tiñamos un nivel adquisitivo semellante para que consumísemos desenfreadamente mentres eles se lucraban. Pouco lles importa o nefasto impacto ambiental do seu sistema insostible, as consecuencias que sobre a nosa saúde e calidade de vida ten, as súas repercusións sobre os países e os traballadores explotados e mesmo as penurias que o consumo irracional supoñen para unha poboación que é desafiuzada, que busca comida no lixo, que forma filas quilométricas de parados fronte ás oficinas do INEM, que non pode afrontar os seus préstamos, que é estafada
con produtos bancarios enganosos etc…

O Cumio de Johannesburgo (2002) deu o dato de que o 15% da poboación mundial que vive en países desenvolvidos é responsable do 56% do consumo total do mundo, mentres que o 40% máis pobre é responsable soamente do 11% do consumo. Esta é a esencia do consumismo: gañar máis sen mirar as consecuencias e conseguir unha sociedade baleira e inhumana con necesidades artificiais inesgotables que eles mesmos nos impuxeron e infinidade de posesións prescindibles que crean unha sensación de opulencia e comodidade.

Autores Daniel García Reigosa (mestre e membro da PAH Vigo-Tui) e Eduardo Garzón Espinosa( membro de ATTAC España).

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *