Esta semana atopamos máis un exemplo de maltrato animal. Desta vez, feita nas instalacións do Cirkus Kaos instalado no concello de Mos. A pesar de contar cun repertorio variado de malabaristas e pallasos, é un dos circos que se resiste a abandonar a utilización de animais. Animais forzados a vivir en condicións aberrantes para a súa natureza e adestrados para desenvolver actividades antinaturais para o lecer dos humanos. O caso dos leóns é paradigmático, en lugar de estar na sabana africana terán que soportar en gaiolas minúsculas as xélidas noites desta semana.
As administracións locais, detentoras da potestade para conceder aos circos a autorización de instalación, deben recapacitar sobre as eventuais vantaxes da realización deste tipo de exhibicións no territorio que administran. Os cativos, que son xeralmente o público maioritario, reciben unha versión terxiversada e falsa dos animais, feito que resulta de todo antipedagóxico e moi distante dunha educación ambiental que ensine a observar, comprender, respectar e amar as demais formas de vida.
Os animais non humanos son seres vivos con necesidades, sentimentos e capacidade de sufrimento, non obxectos para o noso uso e divertimento. Mais certos sectores da sociedade néganse a aceptar que son seres dotados de sensibilidade, non só física senón tamén psíquica.
“Verdegaia entende que a sociedade non ten dereito a facer sufrir innecesariamente a outro seres vivos ”
Verdegaia entende que a sociedade non ten dereito a facer sufrir innecesariamente a outros seres vivos e urxe o recoñecemento de determinados dereitos a todos os animais non humanos. Deste modo vimos de presentar, no rexistro do concello de Mos, unha proposta de moción para que a vila se declare “Vila amiga dos animais” e non volva a promover nin apoiar circos que utilicen animais.
Autoría: Verdegaia Vigo