Dilapidación de recursos públicos

Seguindo a prensa podemos observar como a cotío se definen obras feitas con fondos públicos como exemplo de eficacia e servizo aos cidadáns. Nada máis lonxe da realidade, en moitos casos e moi recentes máis ben se poderían cualificar como “dilapidación de fondos públicos”.

“A dilapidación de recursos públicos continúa: no aparcamento disuasorio do Regueiriño, Domaio, invertíronse 160.000 euros co resultado de reducir as prazas de 60 a 32”

juantiaguesFoto: Juantiagués


Un exemplo claro é o chamado aparcamento disuasorio do Regueiriño,
Domaio. Unha actuación sobre un terreo sobrante de vía pública, PO 551, onde estacionaban diariamente 60 coches. Que fixeron? Unha inversión superior aos 160.000 euros para reducir a capacidade de aparcadoiros xusto á metade: 32 prazas. Iso só pode ter un nome, dilapidación dos
impostos dos cidadáns.
Con esa inversión puidéronse arranxar as dúas parcelas de sobrantes da vía pública na zona, cunha capacidade de 100 prazas de aparcadoiros, e mellorar as paradas do bus. Pero non quixeron nin o concello nin a Xunta de Galicia.
Outra obra recente é a instalación da tubaxe que trae a auga de uso doméstico desde A Guía, Lagoa, Vigo ao Con, Moaña. Obra cun custo de millóns de euros e que, sen entrar en funcionamento, xa rebentou
en diversas ocasións. Ten algunha responsabilidade a empresa construtora? Quen se fai cargo dos sobrecustos? Polo que se leva lido, non. Coma sempre, serán as administracións cos nosos impostos as
que se fagan cargo dos custos. Teremos que seguir atentos, cando entre en carga total, seguro que serán normais os rebentóns e os sobrecustos.
Como podemos catalogar esta forma de actuar das administracións? Responsables, dilapidadoras, irresponsables, corruptas… cada quen que saque as súas propias conclusións.

Autoría: Serxio Regueira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *