Lembrome como se fose hoxe, pero foi fai 9 anos. Daquela só tiña 24 anos pero xa estaba de “volta”; estivera vivindo (por breves periodos de tempo) en Londres, Compostela, Lisboa e A Habana, e ainda que me gustara andar polo mundo, nese verán de 2006 decidín que sempre ficaría a vivir, traballar e loitar en Vigo (as tres cousas por igual, doutro xeito non pode ser).
Así pois estaba a dar un paseo co meu colega Xavi pola Ferrería, cando reparei e dixenlle: “Xa verás, esta zona é caralluda, dentro duns anos isto será como o Soho de Londres“.
Quería decir que aquel barrio casi baleiro, con moitas casas e rúas en ruina, no que apenas vivía xente e no que prácticamente so quedaban con actividade comercial uns decrépitos clubs de alterne, “necesariamente“ ía ser aproveitado polo novo Vigo que se me antoxaba que ia nacer daquela. Sería aquel un barrio “alternata“, pero non necesariamente “moderno”, no que agromarían as iniciativas da mocidade coma min, pero no que (e por que non?) ainda perviviría o Vigo decrépito que tanto caracter e ensinanzas nos ten.
“Fai anos, eu cria que a Ferrería sería un barrio ‘alternata”, no que agromarían as iniciativas da mocidade pero no que continuarían as pervivencias do pasado”
Cría que na Ferrería, como no Soho, podería haber prostitutas e tendas de vinilos; e como no Bairro Alto de Lisboa pequenos bares e tendas de barrio; e tamén algunhas hortas como na rúa das Hortas de Compostela,…pero tamén pensaba que en Vigo ía ser preciso algo máis, algunha volta de torca á posmodenidade imperante nos meus círculos.
Se fora un capitalista, non tería dubidado daquela en invertir en inmobles; como non o son, xunto co Xavi e outras colegas fundamos “Entremos na Panificadora“. Entendía, que para que o conxunto do Casco Vello se enchese de vida ainda facía falla un espazo no que haber actividades de caracter industrial, fose dun xeito propio ou simbólico.
Hoxe en día todo isto antóxaseme pueril, é evidente que no Casco Vello hai unha nova xeración: na parte baixa está habendo unha explosión (kamikaze) de comercios de hostelería e turisteo que semella pode encher todo o conxunto. Agora mesmo no Barrio Alto (que xa non Ferrería), estase expulsando e aplastando as pervivencias para implantar un habitat “moderno“, con xente moza sí, pero que o mesmo podían estar aquí que no Soho.
“Pero non se aprendeu nin se experimentou nada; só hai réplica duns procesos que xa se mostraron nefastos.”
Todo isto é algo moi pouco posmoderno: non se aprendeu nin se experimenta nada só hai réplica duns procesos que xa se mostraron nefastos. Esperemos que non, pero eu creo que dentro de pouco o Casco Vello será inhabitable e insalubre para as viguesas, tal e como foi a finais do S XX.
Como proba un botón, “Casa para hipsters na rúa das Hortas”:
– demolición dos restos de casas populares de granito
– chalés pareados feitos nun bloque de granito caido do ceo
– patio/horta privado
– terraza sobre cuberta no que sobreasae un faiado-galería, de tal xeito que os habitantes desta casa teñen unha maravillosas vistas, que aos demais ela mesma nos oculta.
Autoría: Uxío Reinoso Maset