O 19 de Abril celébrase o Dia da bicicleta, efeméride aproveitada para exaltar as súas vantaxes relativas: non contamina, minimiza a ocupación do espazo público e promove a actividade física.
Pero o uso da bici supón algo máis, algo que a miúdo pasa desapercibido incluso para os que a utilizamos acotío: é un símbolo de resistencia e de rebeldía que confirma como moitas veces as alternativas están ao noso alcance.
Tal como representou en finais do séc. XIX, cando foi unha icona da liberación feminina ao posibilitar ás mulleres unha liberdade de movemento e de afirmación persoal que a sociedade de entón teimaba en impedirlles, a bicicleta volve a representar no presente o mesmo ideal de emancipación. É un claro exemplo da filosofía DIY (faino ti mesmo), promovendo que o individuo e a súa comunidade sexan capaces de xerar os recursos que necesitan, podendo así desengancharse aos poucos do modelo consumista.
“Gozar do aire na cara mentres te das conta de que a única enerxía necesaria para desprazarte depende de un mesmo é unha experiencia única e emancipadora do capitalismo.”
Gozar do aire na cara mentres te das conta de que a única enerxía necesaria para desprazarte depende de un mesmo é unha experiencia única e emancipadora do capitalismo. Persegue unha soberanía enerxética e rexeita depender/colaborar da industria do petróleo. Algo semellante ocorre cos repostos: cada vez hai máis talleres autoxestionados de bicicletas que mediante a partilla de coñecementos e habilidades dinamizan a recuperación e reutilización de pezas permitindo prolongar case indefinidamente a vida útil dunha bici.
Nunha sociedade obstinada co individualismo, a competitividade e a visión cortopracista como método para triunfar na vida, a bici representa todo o contrario. Como paradigma do movemento slow asocia lentitude con equilibrio, é dicir, actuar con rapidez cando as circunstancias o esixan pero dar unha oportunidade ao paseniño. Prestar atención aos pequenos detalles, ás actividades centradas nas persoas ou recuperar o pracer de camiñar ou ir en bicicleta, en definitiva axustar o ritmo de vida aos ciclos naturais e non aos dos mercados.
Está claro que só accións colectivas producirán mudanzas sociais de relevancia pero estas só serán posíbeis se son acompañadas de pequenas accións individuais que pouco a pouco nos permitan depender menos dun sistema que insiste en orientarnos por un camiño que non queremos seguir.
Autoría: Verdegaia Vigo.
Foto: Lau