Unha soa cuestión basta para caracterizar calquera modelo de sociedade: a distinción que se fai entre o Común e o Privado. O Poder, sexa o da rúa, o da selva, o da sombra ou o establecido, estipula a Resposabilidade Social ou Individual sobre as cousas nun determinado grupo humano.
De vivirmos nunha democracia, entendida coma un sistema político evoluído, no que o conxunto da sociedade ostenta este poder, poderíamos decidir, por exemplo, como investir os fondos públicos. De ser así, cando menos un cuarto da poboación activa española en paro e con severo risco de exclusión, de feito xa sen dereito á sanidade publica, probablemente apostaría pola renda básica.
Para facernos unha idea, unha renda básica de 500 euros mensuais, para cada un dos 5 millóns de parados do estado, custaría uns 30 millardos (miles de millóns) anuais, aproximadamente un 7% do Gasto Público e un 3% do PIB. Esta inversión reflectiríase nun incremento do consumo, e por tanto, dos ingresos por impostos indirectos. Ademais a cuantía sería menor que por exemplo, a do rescate á banca. Isto non é garantía de viabilidade, mais a necesidade dunha solución a curto prazo para millóns de persoas, esixe preguntarse como facer sostible esta inversión, ou cando menos, atractiva e aceptable para a maioría…. A quen lle gusta vivir da esmola?
“A renda básica, pode funcionar como un potente dinamizador humano e económico, fortalecendo o tecido social, axudando a crear riqueza
aproveitando os recursos dispoñibles.”
Non ten por que selo. Este salario básico pode ser en cambio, a xusta retribución a un traballo social, ambiental, humano, formacional ou do tipo que sexa. Máis aínda, este traballo pode ser proposto dende a propia base da sociedade, en función das súas necesidades. Así, a renda básica, en sintonía coas necesidades e oportunidades locais de desenvolvemento, formuladas de xeito participativo, pode funcionar como un potente dinamizador humano e económico, fortalecendo o tecido social, axudando a crear riqueza aproveitando os recursos dispoñibles, e cubrindo os ocos que deixa o afán de lucro que move o mundo.
Por outra banda, a súa similitude cun banco de tempo, bens e servizos a escala estatal, podería alumear os primeiros pasos cara a creación dun vehículo de intercambio de bens e servizos; unha moeda publica e social; nos que a especulación, o fraude, a usura e a estafa, se visen felizmente reducidos a súa minimísima expresión.
De vivirmos nunha Democracia Real, posiblemente atopásemos solucións efectivas aos problemas de reparto da riqueza e do traballo, entre outros. Non teño dúbidas ao respecto. Ogallá vivamos para vivila.
Juan Pablo Forti