As crianzas están perdidas nun mundo no que as persoas adultas (aquelas que deberían por os cimentos para o benestar infantil) tamén o están. Proba disto é a tolemia colectiva reflectida na provocada adicción polo consumo bulímico de produtos de máis que dubidosa necesidade. Empobreceuse de tal xeito o sentido da vida que, coma ratos en rodas engaioladas, nos deshumanizamos procurando cartos que esgotar mercando a busca dunha falsa felicidade; estamos cegados polas promesas de necesidades vitais cumpridas que nos chegan a través das canles do sistema escravizador e, perante a evidencia do baleiro que agochan, en troques de abandonar a gaiola, coma bos escravos, permanecemos nela coa falsa esperanza de alimentar con produtos innecesarios algo que só se pode acadar a través da renuncia ao sistema consumista.
Os sistemas educativos ben pouco fixeron para evitar que no futuro as crianzas poidan romper coa destrutiva tendencia; ao contrario, alentaron esta demencia cumprindo coa súa principal función: crear instrumentos ao servizo do Estado (invento que obedece as consignas dos mercados). Aceptada a evidencia de que o ensino estruturado é unha fábrica de autómatas sen alma e que o Estado traidor é o peor inimigo da democracia, fica algunha opción para evitar que as futuras xeracións sexan carne de consumo? Dende logo que si. Vémolo, se queremos e desgraciadamente, por mor da crise económica e alí onde a non sociedade da demencia non chegou coa súa ciencia desvirtuada da destrución.
Hai persoas dos chamados países enriquecidos que agora están en vías de regreso á humanidade porque aquí a crise europea golpeou forte e se levou os seus “soños” (pesadelos provocados polo consumismo) cun brusco espertar, o cal puxo a súa resiliencia e capacidade de adaptación a proba. Isto serviu para que o escenario de plástico do capitalismo (chamémolo ‘Matrix’) se derrubase e permitise ver outros camiños
posibles alén do sistema autodestrutor individualista: moedas sociais, renda básica, finanzas éticas, grupos de consumo, redes de troco, soberanía alimentar, permacultura, redución e reutilización, compostaxe, reconversión socioambiental, bioconstrución… Unha vez o individuo abandona ‘Matrix’ escomenza a ver o mundo de maneira social, dende a solidariedade, tendo en conta que as decisións colectivas polo ben común son as que verdadeiramente o achegan a esa paz na absoluta felicidade do animal bio-psico-social que somos.
Agora, debemos preguntarnos que mundo queremos legar: sociedade ou non sociedade. En Verdegaia apostamos claramente pola construción dunha sociedade e por iso defendemos un modelo educativo ecosocial.
Autor Verdegaia.
Foto Miriam do Roxo