Cando un consume, esquece que xa foi previamente consumido. O seu emprego consúmelle, cómpralle a súa vida por horas. Rodeado pola venta e o consumo, o ser humano é unha mercadoría máis sometida aos vaivéns do mercantilismo, e en cada transacción sempre lle sacan algún belisco: outro anaco de humanidade, un imposto, a forza para crecer como persoa, o beneficio do xefe, o tempo para criar aos fillos… Todos se consumen entre eles, belíscanse mutuamente (tamén aos nenos, tamén ao medio ambiente), nunha loita tácita, xa case natural, autodestrutiva.
Táboa extraída da Contabilidade Nacional Trimestral Base 2008 do 28/02/2013 (http://serviciosweb.meh.es/apps/dgpe/TEXTOS/pdf/completos/sie_complet1.pdf)
A política reduciuse a esta guerra económica, onde o diñeiro é o instrumento universal de poder. E votamos día a día, co único voto real, ao escolle-la urna do capitalismo ou da alternativa, ao inxectar as nosas vidas como insumo, sexa en forma de horas de traballo ou en forma de diñeiro líquido, nunha ou outra opción(1)
É como unha doazón de sangue, na que indolentes cedemos a nosa vontade, e espertos contribuímos coa súa forza. Porque podemos escoller se queremos entregarnos como obxecto, ou darnos como seres humanos; se queremos competir entre nós, ou cooperar; beliscarnos eternamente ou apoiarnos mutuamente e medrar xuntos.
Para que as cousas cambien hai que comezar a actuar de xeito diferente, no noso facer cotián, nos pequenos actos. O cambio cara unha economía social, é necesario, pero non hai que caer en economicismo; non é suficiente se non ven impulsado e acompañado por unha ética, agora afogada, e que comeza a reclama-lo seu espazo.
1 Tal é a nosa influencia como consumidores, que un pequeno cambio no ‘consumo total’
(fogar, institucións sen fins de lucro ao servizo dos fogares e administracións públicas), vai paralelo a un gran cambio na ‘Formación Bruta de Capital Fixo’ (FBCF), é dicir, no diñeiro que se reinviste nas empresas para seguiren medrando.
.Autor Daniel Álvarez Bouzó.