Falaría de consumo, de produtos e de economía se con isto non sentira que só estou a empregar palabras roubadas aos seres humanos, palabras malladas, azoutadas e falsificadas. Se lembrase que non hai moito tempo a especie humana aínda cazaba para alimentarse, abrigarse e construír un lugar no que se resgardar e que entre os seres humanos había verdadeiros actos de intercambio, entón sentiría que estaría a falar de necesidade e de cultura.
Quen nos rouba? Que nos rouba? Quen mente? Hai pouco o meu pai contábame que unha noite, estando na cabana onde el vivía cando era cativo, a súa nai preguntou que cearían aquela noite. E coa mesma o seu pai colleu a escopeta e liscou. Despois de varias horas volveu e aquela noite houbo cea. Poderiamos visualizar ao ser humano nunha gran balanza. Dun lado da balanza habería que colocar a súa capacidade de acurtar os procesos, de economizar para chegar a un mesmo resultado, da búsqueda da comodidade; e no outro a súa necesidade de investigación, de aprendizaxe, de desenvolvemento da imaxinación. Parece ser que na infancia a necesidade de aprendizaxe ten máis peso na balanza e que conforme van pasando os anos a balanza vai pouco a pouco escorándose. E non falaría de antioxidantes, de potenciadores do sabor, de pesticidas, de publicidade, de austeridade, de Nestlé, de produtos BIOlóxicos, dos programas da TV, do Real Madrid, de Nadal, da Selección española, da OPOSICIÓN, da Bolsa, da “CRISE”, da dieta de verán, de Inditex, das Torres Xemelgas, de Bin Laden…
Falaría de PERSOAS, de ACCIÓN e de POESÍA, porque sen isto estariamos deixando que nos roubasen a nosa NATUREZA.
Autora Raquel Hernández, Teatro Ensalle , Cultura contra a mentira.