Cultivar, construír, tecer,… xa non son actividades feitas por un mesmo ou na pequena comunidade. Na sociedade ‘desenvolvida’ somos dependentes de case todo. Consumimos e producimos o que o sistema manda.
Contra isto o primeiro sería concienciarnos. Logo darlle uso á liberdade: decidir que, onde, a quen, canto e por que consumimos.
A primeira das nosas necesidades é a alimentación, partindo desta podemos escoller:
- Alimentos de produción local, máis dos que pensamos. O resto buscalo no máis achegado, evitando transportes.
- Produtos da tempada, esperar ao verán para comer mazás, así foi ata hai pouco.
- Por defensa cultural e da saúde preferir o caldo galego ás hamburguesas.
- Colaborar nunha mellora da xustiza social e económica comprando directamente cao persoa produtora.
- Protexer o medio natural esixindo produtos cultivados de xeito respectuoso coa natureza e sen embalaxes innecesarios.
Dende hai un tempo, o pan que consumo, os ovos, as hortalizas e froita, son de produtores locais, veciños do concello. Os lácteos e derivados son galegos. O arroz, fariñas, legumes e aceite prodúcense en cooperativas de Castela e Andalucía. Ao relacionarnos directamente cas produtoras o intercambio ten outro sentido, se comparten ideas, coñecementos, proxectos.
E dando un paso máis, igual de importante, podemos pasar do individual ao colectivo: xuntarnos con outras persoas coas mesmas inquedanzas, comezar a buscar de xeito libre novas formas de participación e organización social, indispensables para un futuro máis humano.
Os grupos de alimentación ‘consciente’ están estendéndose: Vigo, Cangas, A Guarda, Gondomar… Na cidade ou no rural, en comunidades de edificios, centros culturais, veciñais, locais públicos… Logo precísase un pequeno grupo de persoas que se impliquen e se organicen cara o mesmo fin común. E por último espallalo.
Autora Ánxeles B. F., Membro do Grupo de Alimentación Val Miñor e da Horta Comunitaria Val Miñor http://gavm.arredemo.org/