Queremos saber que se fai cos nosos cartos e construír alternativas para a transformación da realidade. Por iso precisamos ferramentas de finanzas éticas coma
Fiare, rede conformada por 4000 persoas físicas e xurídicas que a nivel estatal estamos a constituir unha cooperativa de crédito sen ánimo de lucro. Na Galiza, xa somos socias 26 colectivos, 1 concello e 246 persoas a título particular.
Banca ética, si. Cada euro depositado en Fiare pode redirixirse a proxectos que, necesitando financiamento, cumpren uns criterios esenciais: compromiso co territorio, equidade de xénero, respecto aos valores ambientais, obxectivos de rexeneración social… Estes requisitos son delimitados polas comisións ético-sociais de Fiare (no noso caso, a galega). Será a rendibilidade social dun proxecto a que xustifique un posterior estudo de viabilidade económica que concrete as posibilidades de obtención de crédito.
En Fiare estamos concluíndo unha etapa de fonda transformación da nosa estrutura e base social: a integración coa Banca Popolare Etica, iniciativa coa que viñemos
traballando desde 2005 para poder ofertar produtos de intermediación financeira (libretas
de aforro e préstamos a proxectos, principalmente). Neste camiño conxunto, a capacidade colectiva de Fiare foi evolucionando e en 2013 convertirémonos en cooperativa de crédito. Na práctica dunha cidadanía usuaria de banca, isto significa poder elixir a banca ética como primeira opción nas nosas operacións cotiás (por exemplo, ter unha conta corrente).
Mais queda moito traballo por facer en colectivo, xunto coas entidades de economía solidaria en cuxa rede crecemos, como alternativas ao sistema capitalista. É esencial neste camiño ilusionante manternos como ferramenta participativa, democrática e transparente para seguir construíndo unha economía ao servizo da xustiza.
Para máis información, escribe a galizasur@proyectofiare.com. En Vigo temos un
dos grupos locais máis activos da Galiza, agardámoste para construír contigo finanzas éticas!
Fiare