Asociación cultural Bou Eva : un espazo para a autoxestión.

Poucas son as persoas de Vigo que coñecen a existencia dos Centros Sociais desta cidade, os motivos polos que foron creados e as actividades que neles se desenvolven.

Bou eVA
Lamentablemente, son menos aínda as que saben do tráxico suceso acontecido o  24 de abril do 37 no Berbés. Nun barco de pesca, un bou chamado Eva, embarcaron
10 persoas para tentar risparse da brutal represión fascista. Eran anarquistas, comunistas, socialistas e galeguistas. Apreixados antes de poderen partir, os falanxistas comezaron a anegar os camarotes do barco. Sen escapatoria, non se entregaron: un dos tripulantes matou os outros todos cunha pistola e despois pegouse un tiro.

Este acontecemento, ocultado polo  franquismo, quedou incomprensiblemente esquecido polo pobo. A nós chegounos por Anxo Angueira, no seu poema “Fóra do Sagrado”, a voz dunha nena, contounos a morte dos seus pais. Aquela nena chámase Conchiña, filla de Ángel Nogueira, o tripulante que tivo o sangue frío de matar os seus compañeiros e a súa
muller, nai da Conchiña.

A Asociación Cultural Bou Eva naceu no verán de 2011 honrando, canda á Concha Nogueira, a memoria dos seus mortos, que son nosos tamén. Negámonos a esquecer porque nos negamos a deixar de construír.

Velaí a vocación do noso proxecto e, en xeral, dos cada vez máis numerosos Centros Sociais de Vigo e contorna. A nosa é unha resposta á falta de vontade das institucións políticas por dotar a cidade de espazos públicos ao servizo do pobo, espazos para a autoxestión, libres do seu control partidario. Fóra do rego da cultura do espectáculo, cada socia que participa no Bou Eva abre un novo suco da cultura libre, feita desde e para o pobo galego, desde e para os pobos do mundo.

Nos centros sociais e rúas repenican as iniciativas de autodeterminación popular, estralece o traballo diario de derrubar o Imperio. A tripulación do novo Bou Eva saúdamos a luz da Boia e as outras ferramentas de ECOAR))). As do Bou rematamos nacionalizando un dito da conciencia dos escravos para subvertérmolo e pórmolo ao servizo da sociedade organizada: “Cada un ao seu e todos ao de todos”. Ou mellor aínda: “Cada un ao seu e Ecoar ao de todos”.

Bou Eva. Foto de Galiciacontrainfo

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *