Hoxe en día estamos a vivir unha crise tremenda, orixinada nas prácticas da banca de inversión e comercial a nivel internacional. Aínda que hoxe a sabedoría “popular” creada polos mass media quere facernos ver que a crise depende na súa solución do déficit público, o certo é que este non ten nada que ver coa orixe da crise, nin ten nada que ver coa súa solución real. A orixe da crise está nun sector financeiro sobredimensionado, e que conta cuns privilexios desmesurados, que dan a este sector, formado e dirixido por unha pequena elite, un poder enorme sobre as nosas vidas. E que non empregan no noso ben, senón para o seu beneficio.
O primeiro destes privilexios é o de crear cartos. Grazas á reserva fraccionaria e ao multiplicador bancario, dous aspectos ben coñecidos polos economistas, os bancos en cada crédito están a crear cartos. Pero non crean os cartos fisicamente, senón un simple apunte contable no que figura que alguén lles debe cartos, sen necesidade de ter realmente o diñeiro que prestan. Os bancos o que fixeron nas dúas últimas décadas foi presionar para reducir as restricións a este mecanismo, e dar cada
vez máis créditos e xerar máis débeda, que ao fin e o cabo é o seu negocio. Isto o que fixo foi inundar de cartos, en forma de débeda (o diñeiro non é mais ca débeda), o sistema financeiro. E cando este colapsou, a débeda deixou de pagarse, e os bancos quebraron. E tivemos que rescatalos, claro. Rescatalos do mal uso que lle deron ao seu privilexio de crear diñeiro da nada.
O segundo privilexio que teñen nos países do euro é o de chantaxear ós estados e a súa fiscalidade. Os gobernos non poden emitir moeda, nin os bancos centrais. O que pode facelo é o Banco Central Europeo, que presta directamente aos bancos, e estes danlle os cartos ós gobernos mercando débeda pública, e forzando recortes para asegurarse o seu pago. Así que os bancos, amparados no privilexio de ser os únicos capaces de prestar cartos, están a crear un gran sufrimento en forma de recortes para asegurar o seu negocio da débeda.
Por iso, quizais cómpre sacar das mans de xente absolutamente
irresponsable o privilexio de ordenar o noso sistema monetario, poñendo este ó servizo da cidadanía, cunha emisión de moeda e uns bancos democraticamente controlados. Vai sendo tempo.
Autor Álvaro Rodriguez.