A Cova dos Ratos, centro social autoxestionado.

“A Cova dos Ratos” leva cas portas abertas desde principios do ano 2000. É un centro social autoxestionado, un espazo aberto, participativo e independente, no cal os colectivos e as persoas poden tanto facer uso como implicarse na súa xestión cotiá: colaborando nos grupos de traballo (barra, biblioteca, secretaría…), participando nas actividades sociais e culturais, nas campañas… O centro social é de todas as persoas que o usan e fan posíbel a súa existenza.
cova dos ratos

 

A tapadeira legal é a Asociación Cultural Caleidoskopio. As actividades non só fican dentro do local, senón que tamén saímos sempre que podemos á rúa… participando de todo tipo de iniciativas, troco, defensa do litoral, antimilitarismo, contra a precariedade, pola vivenda, recuperación dos espazos públicos… Entendemos o concepto de  autoxestión cun sentido moi amplo, como a capacidade que temos para administrar as nosas propias vidas, en todos os seus eidos, político, social, económico, cultural
e afectivo, onde son tan importante os xeitos de toma de decisións como os xeitos para levar adiante as iniciativas. Intentamos vivir a nosa existencia plenamente, sempre que podemos no escorregadizo campo da coherencia e das posibilidades humanas. Tentamos sempre xuntar os fins cos medios. Facernos donos e donas das nosas propias vidas e tendo en conta, por suposto, o resto dos seres cos que compartimos o noso pequeno gran mundo…

Sempre intentaremos aprender e experimentar, sendo conscientes de que podemos equivocarnos; tendo como obxectivo poder seguir construíndo, pouco a pouco, un mundo algo mellor, onde todas as persoas teñamos cabida, sen exclusións nin discriminación…
Para facer disto unha realidade apostamos polo traballo en rede e as estruturas horizontais, asemblearias, abertas, participativas e transparentes; espazos para a toma das decisións onde todas as persoas temos sempre a oportunidade de comentar a nosa opinión, de aportar as nosas ideas, ou simplemente escoitar para enterarnos do que está acontecendo e poder facernos partícipes.

Autora AC Caleidoskopio

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *