A Marcha Mundial das Mulleres (MMM) adoptou unha postura totalmente contraria á industria alimentaria no VI Encontro Internacional de Perú, 2006, ao asumir o principio de Soberanía Alimentaria dos pobos, como aspecto integrante e transversal dos catro campos de acción nos que decidimos organizar as nosas loitas. En alianza con Vía Campesina (VC), acordamos seguir profundando sobre este concepto e as implicacións que ten na vida das mulleres.
Esta alianza tivo a súa primeira posta en escena a nivel internacional no Encontro de Nyéléni (Mali 2007), onde xunto cos movementos indíxenas, campesiños e ecoloxistas, VC xuntamos esforzos na consecución de obxectivos fundamentais para a MMM: rematar coa feminización da pobreza e eliminar a violencia de xénero. En Galiza asistimos a este proceso cando acollimos o VII Encontro Internacional en Vigo-2008, cun Foro sobre Soberanía Alimentaria e unha Feira de Soberanía Alimentaria. As accións de defensa dos nosos territorios, a agroecoloxía e o Cumio dos Pobos (paralelo á celebración da Conferencia da ONU sobre desenvolvemento sustentable, Rio+20), achégannos a unha nova forma de vida no planeta en solidariedade, oposta á mercantilización da natureza e da vida, pola defensa dos bens comúns e en favor da xustiza social e ambiental.
Dende o feminismo reformulamos os conceptos de traballo, familia, sostibilidade, para incluír neles á vida mesma, incorporando as relacións humanas como parte dos conflitos e relacións de poder. Así, as organizacións feministas propomos a despatriarcalización do Estado, quen nunca abandonou o machismo, tomando as mulleres como recursos dispoñibles para complementar as súas obrigas, por medio da división sexual do traballo e reforzando o modelo patriarcal de familia.
As mulleres sabemos que a nosa loita é todo o día, somos mulleres e non mercadoría!
Para as mulleres o capitalismo non ten ECO.
Autora Marcha Mundial das Mulleres Galicia.