Vivimos nunha sociedade con medo. Medo ao descoñecido, ao de fóra, ao veciño. Os informativos son unha sucesión de historias morbosas sobre roubos, agresións e mortes violentas que conforman unha foto da realidade moi distorsionada. Así que acabamos por entrar na paranoia nacional e pensamos que estamos nun país con gran inseguridade cidadá e que precisamos endurecer as penas que existen xa que así frearase o crime e viviremos con máis paz.
“Somos un dos países europeos con menor índice de criminalidade. En cambio temos as taxas de poboación carceraria máis elevadas.”
Nada máis lonxe da realidade. Somos un dos países europeos con menor índice de criminalidade. En cambio temos as taxas de poboación carceraria máis elevadas. ¿Como é posible? Pois porque ese medo do que falamos fai que sexa una excelente baza política e un bo caladoiro de votos endurecer o noso código penal sen que en moitas ocasións estea realmente xustificado. O resultado: máis persoas presas e con condenas máis longas, superpoboación de reos. Pero non máis recursos nin máis persoal cualificado para a reinserción.
As nosas prisións están nuns niveis de ocupación do 165%, unha masificación que supón, entre moitas cousas, un maior risco de altercados, dificultades para traballar de maneira individualizada cada caso de inserción e peores condicións de habitabilidade.
E seguimos pensando que o noso sistema penal é permisivo e que a vida na cadea é como estar nun hotel a pensión completa con piscina e televisión por cable. E saímos ás rúas, recollemos firmas e nos indignamos porque aquí ninguén paga a pena que merece.
A realidade é que só polo feito de ser una persoa privada de liberdade xa te convertes en grupo de risco: risco de ter VIH, tuberculose, hepatite, risco de sufrir una agresión, de caer nas drogas, risco de caer na exclusión social, de sufrir una patoloxía mental. Porque si, no cárcere hai entre tres ou catro veces máis persoas con enfermidade mental que entre a poboación española. Por suposto, sen recursos axeitados.
Así que sigamos tendo medo, endurecendo sen sentido, afastando máis os centros penitenciarios e a súa realidade, aplaudindo cadeas perpetuas revisables e mirando para outro lado cando se denuncian as condicións de vida nas prisións. Cun 60% de reincidencias será que o estamos a facer moi ben agora.
Enrédate Radio.