Decrecemento ou Crecemento negativo? Da febre do ladrillo á febre do ouro

Os dirixentes mundiais perseguen o crecemento económico a toda costa, importando ben pouco que ás veces sexa necesario organizar algunha guerra para o control do petróleo, o ouro ou os diamantes. Sen entrar a valorar esta violencia extrema, o certo é que o consumo destes e doutros recursos ten data de caducidade, e polo tanto tena tamén este sistema baseado no control e no consumo dos mesmos.

Os decrecentistas, na liña do Club de Roma, lémbrannos que estamos a consumir a un ritmo maior do que o planeta pode soportar. É por tanto preciso “decrecer” no noso “consumo de todo” para sintonizar a sociedade coa capacidade do planeta. Insístese en que o benestar social e a paz son prioritarias. A experiencia demostra que se non facemos isto rematamos por ter un “crecemento negativo” ou depresión, moito menos cómodo que un “decrecemento sereno”.

Por exemplo, no estado español, tras dúas décadas adicadas á urbanización e ás infraestruturas, os resultados foron catastróficos. Estragamos millóns de hectáreas fértiles, perdemos centos de miles de millóns en infraestruturas que apenas se empregan e pagamos aínda máis aos bancos o que non puideron pagar promotores e compradores de tanto chalé. Pasámonos de rosca. Non se atraeu a inversión esperada e parouse a roda do crédito. Neste sistema no que os cartos se crean da débeda, o
que non medra morre.

Así, a economía española tivo nos últimos trimestres un crecemento negativo, afectando sobre todo ao peto dos máis desfavorecidos. Isto non motivou un cambio nos nosos dirixentes, que seguen ocupadísimos en abrirlle paso ás grandes corporacións, para que sigan a sacar tallada da terra e das persoas.

Neste tempo de incerteza nos mercados financeiros, o ouro convertese nun valor seguro e nunha prioridade xeo-estratéxica. Xorde así en Galiza outra ameaza: A minería deste prezado metal. Ao igual que o ladrillo e a obra pública, traería movemento e falsa riqueza por uns anos, quedando os beneficios nas mans dos de sempre. Contaminaríanse as augas e as terras que fose necesario. Cando rematase a festa seriamos máis pobres e estariamos máis afastados aínda dun equilibrio coa terra que nos sustenta.

Ben podemos aforrarnos estas apostas absurdas… De quen depende?

Autor Juan Pablo Forti, membro de Verdegaia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *