“É necesario cas pedras que se levanten teñan a grandeza dos monumentos antigos que desafíen ao tempo e ao esquecemento”. Así xustificaba, en 1940, o estado franquista o “alzamento” do Val dos Caídos, exemplo que foi repetido en milleiros de localidades do estado español.
Aínda que pareza incrible, hoxe en día hai quen lle fai o xogo aos fascistas e defende a permanencia destes monstrosos monumentos: en Vigo o máis insigne de todos é Abel Caballero.
Dende 2008 na “Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36” (AVMH) estamos a facer todo o posible para que o Concello retire a cruz do parque municipal do Castro, inaugurada por Franco en 1962. Cinco veces pedimos entrevista coa alcaldía para tratar a súa retirada sen que houbese resposta algunha.
Ante a falla de democracia (no fondo e na forma) deste cargo público, en 2011, presentamos unha demanda xudicial contra o Concello.
En decembro de 2012 un xulgado de Vigo estimou parcialmente a nosa demanda, ordenando ao Concello que se pronunciase sobre o a nosa petición.
A resposta dada polo Concello (o 25-1-2013) é inaceptable: négase a retirar a cruz; falseando, ante a opinión pública a historia do seu levantamento. O Concello literalmente di: “a Cruz do Monte do Castro, é iso, unha cruz. non é un símbolo da Ditadura, é un símbolo relixioso, basicamente cristián”.
Dende a AVMH, non aceptamos esta mentira, o fascismo español erixía estas cruces co propósito inequívoco de “perpetuar a memoria dos caídos da nosa gloriosa Cruzada”. Amais, a igrexa católica nunca considerou estas cruces como sagradas, e o Concilio Vaticano II especifica que a igrexa non pode “reciclar” no seu seo este tipo de monumentos que van en contra da “reconciliación cristiá”.
A cidadanía viguesa non pode aceptar que no seu espazo público perviva un monumento de exaltación da ditadura franquista. Por isto a AVMH, nesta ocasión ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, presentou outra demanda para que o Concello de Vigo cumpra o art. 15 da “Lei da Memoria Histórica”, e retire por fin esa “Cruz dos caídos por Deus e por España” do parque municipal do Castro.
Autor Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 ( AVMH)