Por que nos interesa rematar cos paraísos fiscais?

Paraisos fiscais europeos

O recente escándalo do ex-tesoureiro do PP, o de Iñaki Urdangarín, ou o da Gurtel, teñen todos un elemento en común: os paraísos fiscais (ou PF). Estes son lugares, moitos deles situados en pequenas illas ou países, que ofrecen opacidade a todos aqueles que pretenden evadir impostos do fisco.

E non é unha cousa de pouca importancia. Segundo datos da Tax Justice Network, nos paraísos fiscais acumúlase, lonxe da man da fiscalidade dos gobernos, o equivalente ao PIB de Estados Unidos e Xapón xuntos. Son empregados por todas as grandes corporacións, bancos, e fortunas, que dende os paraísos fiscais e empregando sociedades offshore inverten estes inxentes fondos en especulación financeira, que é moito máis proveitosa que a inversión produtiva. Os  paraísos fiscais son, por dicilo brevemente, unha peza fundamental nas prácticas,legais ou ilegais, que provocaron a crise financeira, e posteriormente a Grande Recesión que (mal)vivimos.

Tamén son fundamentais na creación dunha situación de grande desigualdade a nivel mundial. Podedes imaxinarvos que se podería facer se aplicásemos un imposto do 30% (como o de sociedades) sobre os fondos depositados neses paraísos fiscais? Xa está calculado: acabar coa fame no mundo. E tamén poderiamos darlle unha renda básica de subsistencia a todos os seres humanos. Ou rematariamos inmediatamente coa necesidade dos recortes. Por exemplo. E, sobre todo, dariámoslle un golpe case que definitivo á voraz especulación financeira que xa todos sabemos non vai parar ata facer negocio de todo, mesmo das nosas vidas, a saúde, a educación, ou a Natureza.

Así que se queremos defender a sanidade, a educación, a ciencia, e o noso modo de vida; se queremos unha economía ao servizo de todos; temos que rematar cos paraísos fiscais. Isto é algo que os gurús dos recortes non van predicar. Eles só pretenden recortar o estado para pagar a débeda, e seguir alimentando o mesmo sistema especulativo. A todos nós, pola contra, interésanos o contrario. De todos depende acabar con isto.

Autor Álvaro Rodríguez, membro da Plataforma en Defensa do Aforro Público

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *