No panorama actual, cun sistema democrático que fai auga por todas partes desemprego insoportable, xustiza desprestixiada, corrupción política, negocios ilegais da monarquía, banqueiros indultados,…), é difícil atopar un raio de esperanza.
Pero hai ferramentas para trocar esta sociedade antihumana na que vivimos, que pon o diñeiro por riba das persoas. Diante de nós temos as solucións do noso labirinto social, que só poden chegar da nosa man.
Podemos enumerar multitude de propostas para rachar con esta barbarie capitalista na que estamos somerxid@s. Pero só unha pode canalizar unha metamorfose social e económica, que permita o libre desenvolvemento das aspiracións de millóns de cidadá(n)s que ateigan as rúas en movementos de protesta e resistencia a esta crise, que é unha estafa. Esta proposta non é outra que un proceso constituínte cidadán.
Por que afirmamos esta premisa?
1. Porque unicamente nós, @s cidadá(n)s, podemos activar dunha forma lexitimada este proceso de recreación do pacto social.
2. Porque será a pedra angular, para corrixir os erros que nos levaron á situación actual e tamén para ordenar e cuantificar as premisas fundamentais que queremos para a nova sociedade.
3. Porque será a que dote de legalidade, de contido, e de prioridade o resto de propostas ou ferramentas que consideremos necesarias para humanizar o noso entorno común.
Pero… como levar ao cabo este proceso?
Pódese dar de dous xeitos moi distintos. De forma violenta ou de maneira pacífica, cohesionando o músculo social existente. Descartando a primeira, por considerala non lexítima para acadar un cambio democrático hoxe en día, só queda a segunda das opcións.
A partir desta diagnose estamos a comezar un movemento dende abaixo. A nosa prioridade nestes intres é crear opinión pública, libre, apartidaria e crítica; poñendo as bases para construír unha sociedade que priorice a felicidade e a realización das persoas e da Nai Natureza, por riba de todas as cadeas (cartos, débeda, xuros,…) creadas artificiosamente para beneficio duns poucos co sufrimento e as penalidades de moitos.
Por iso animamos a tod@s @s que queirades participar deste apaixonante movemento que tomedes parte activa nel.
Autor Guillermo Crego
Membro fundador da Asemblea Cidadá Constituínte de Vigo.