Carril bici en Vigo.

carril bici vancuverUnha ampla rede de ciclovías comunica Vancuver co seu entorno.
Foto: rodadas.net

O carril bici é aquel sinalizado axeitadamente para bicicletas, ou ben calquera vía independente na que se permite o tránsito delas. Moitos cidadáns demandamos alternativas de mobilidade moito máis sostíbeis e saudábeis có uso de vehículos a motor.
Por esa razón resulta sorprendente que nunha cidade como Vigo non se promova a creación dalgunha iniciativa que favoreza o uso e o aluguer de bicicletas por parte
do Concello.

“En Vigo, maila investirse inxentes cantidades de recursos públicos nas obras de humanización, descoidouse a creación de redes de carril bici”

Opino que a utilización xeneralizada da bicicleta podería supor unha revolución no
concepto de mobilidade urbana e interurbana. Porén, algúns detractores sosteñen que hai que ter coidado en relación á instalación de ciclovías segregadas en Vigo. Argumentan que o que funciona para os Países Baixos e outros lugares, onde se conseguiu un uso masivo da bicicleta, non necesariamente funcionaría en Vigo. Malia investirse inxentes cantidades de recursos públicos nas obras de humanización e empedrado da cidade, descoidouse o deseño e creación de redes de carril bici onde os ciclistas vigueses puidesen viaxar dun punto a outro da cidade e incorporar un pouco de exercicio aerobio nos seus desprazamentos.

Estou convencido de que en Vigo podería planificarse unha rede de carrís bici. Algúns poderían ser de lecer e tempo libre, dentro das áreas arboradas e parques ou nas inmediacións da marxe do río Lagares, outros poderían cubrir diferentes zonas do centro da cidade e mesmo favorecer a mobilidade entre distintos barrios. Tamén se poderían marcar determinadas zonas da calzada para uso de bicicletas ou un carril compartido.
Podería trazarse un modelo combinado de vías compartidas e segregadas. Dito modelo está moi desenvolvido en zonas históricas de grandes cidades europeas nas que hai unha morea de vías integradas nas que circulan bicicletas e coches. Estes vehículos circulan compartindo o espazo nalgunhas zonas grazas a un deseño urbano que impide a velocidade excesiva dos vehículos a motor, mais tamén hai espazos da cidade nos que existe unha delimitación específica do ancho da vía exclusivo para bicicletas e peóns.

Oscar Lomba

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *