O endebedamento público español supera o 90% do seu PIB, e disque Europa presiona para recortar aínda máis o gasto en benestar. Algúns medios xustifican os recortes en educación argumentando que investimos un 15 % máis que a media dos países da OCDE. Porén, outros medios recollen do mesmo informe que o noso gasto educativo, un 5,6% do PIB, é menor que a media da OCDE, que é dun 6,3%.
“Os recortes efectivamente traducíronse nunha caída da inversión por alumno superior ao 25% nos últimos catro anos.”
Os recortes efectivamente traducíronse nunha caída da inversión por alumno superior ao 25% nos últimos catro anos: 80.000 profesores menos e un incremento dun 20% no número de alumnos por clase, entre outras perdas de calidade e prestacións. O máis curioso é que no citado informe se expresa que no Estado, por cada euro que se inviste na Educación Secundaria superior, obtense un retorno de 3,9 euros.
Fallan os cartos para o máis básico e rendible, e sobran para outros mesteres. O presuposto do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte é duns 3.716 millóns, mais as 50 empresas (as de sempre) máis subvencionadas neste ano levaron 573 millóns de euros. Só a minaría chupou 112 millóns de euros, pouco menos que o que levan todas as Universidades do Estado. Mais isto é pouco comparado coas axudas á industria armamentística, que reciben o seu cacho do pastel a través de fondos non contabilizados nos PSG; de feito, nos últimos anos, as partidas destinadas a defensa son as únicas á alza. As 9 maiores empresas de armas recibiron encubertamente 2300 millóns dende o 2007 e o Estado ten asinados contratos para a compra de armas por valor de 30.000 millóns de euros nos próximos anos. É probable que o monto total do gasto militar encuberto se aproxime ao rescate da banca, mesmo que se dea o caso de que esteamos pagando ás empresas para fabricar armas e aos bancos para mercalas!
Neste mundo globalizado, as cifras non menten: empregamos os nosos recursos para exercer un dominio militar que nos permita consumir máis enerxía e recursos que outros países. Esquecemos o compromiso coa terra e co igual.
Este ano pecharon en Galicia 21 escolas rurais, e nenos de 3 anos fan 90 minutos de autobús cada día para escolarizarse. O despoboado rural arde no verao mentres a miles de quilómetros explotamos bombas para seguir obtendo ouro negro, a base que sustenta toda esta tolemia.
Autor Juan Pablo Forti