Fotografía da educación mundial: un dereito para todas as persoas?

Educacion mundial

1. Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser gratuíta, canda menos no referente á instrución elemental e fundamental [..].

2. A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto aos dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; […].

[Artigo 26, Declaración Universal dos dereitos humanos, (DUDH)].

Ademais do recollido na DUDH, a socioloxía e a pedagoxía indican que o sistema  educativo é, despois da familia, o alicerce básico para a nosa socialización. As persoas pasamos centos de horas no centro educativo onde xogamos, socializamos, prendemos conceptos e valores, afrontamos conflitos,… Pero… é así realmente?

“Segundo datos da UNESCO de 2012 61 millóns de posibles alumnos/as de primaria non asisten a clase e, probablemente, nunca asistirán.”

Segundo datos da UNESCO de 2012 61 millóns de posibles alumnos/as de primaria non asisten a clase e, probablemente, nunca asistirán (31 millóns en África subsahariana!); 71 millóns non o fan en secundaria; e un 25% do alumnado mundial abandona sen rematar o ensino primario (en Asia Oriental e Pacífico a porcentaxe sobe ata o 46%).

Ademais dende 2010, “debido á crise”, a achega económica ao desenvolvemento educativo redúcese cada día, ao tempo que os fondos non son recibidos por quen máis os necesita: os países pobres (en 2011 só recibiron 1900 millóns dos 5.800 millóns de dólares).

Pero se analizamos outros datos relacionados, a situación agrávase. Segundo a ONU e Save The Children, o mundo presentaba en 2012 a seguinte radiografía:

  • 775 millóns de persoas analfabetas.
  • Un 40% do alumnado sen asistir a clase por atoparse en zona de conflito.
  • 215 millóns de vítimas do traballo infantil (115 millóns en condicións de escravitude e 126 millóns realizando traballos perigosos).
  • 1,2 millóns de vítimas de tráfico infantil e 1,8 millóns explotados/as sexualmente.
  • 300.000 nenos/as emprégandose como soldados/as en diferentes conflitos do planeta.

Se a iso engadimos o tratamento subxectivo de contidos acríticos, a falla de formación psico-pedagóxica do profesorado, a relación vertical dentro do sistema, as diferencias de acceso á tecnoloxía,… parece bastante evidente que o sistema actual máis que basearse na DUDH segue as pautas que denunciou Paulo Freire: dicir que os seres humanos son persoas e como persoas son libres, e non facer nada para acadar que esta afirmación sexa obxectiva, é unha farsa.

Autor Guillermo Cid Felpeto

Foto Ferdinand Reus

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *