A educación do século XXI.

Deben existir poucas verbas que consigan un debate tan amplo, difícil e cheo de connotacións alleas a se mesma coma a educación.

Educación

Usada para triunfos ás veces persoais, ás veces políticos, a educación converteuse no instrumento favorito de debates habitualmente ineficaces e mesmo irritantes da escena social: as cidadás esixindo o seu dereito ao acceso e ao goce dela, e obtendo o silencio como resposta; os sectores políticos e financeiros, que ven nela a pedra angular da  creación e mantemento das ideas e xeitos de estar no mundo, apostando por modelos caducos que privan do gozo dun dereito básico.

“As mulleres e nenas teñen que enfrontar obstáculos como a distancia ata a escola, a falta de servizos hixiénicos, os matrimonios e embarazos precoces ou o coidado de familiares enfermos.”

A educación non só é a instrución da ensinanza, senón que é o instrumento perfecto de creación da convivencia cos demais e con nós mesmas, por iso, quixeramos reflexionar sobre dúas cuestións para nós necesarias. A primeira é a reivindicación de que o dereito á educación para todos e todas sexa unha realidade, e está moi lonxe de ser así, xa que hoxe en día nos enfrontamos non só a cubrir as necesidades da época tecnolóxica na que vivimos, onde a realidade é que millóns de persoas son analfabetos dixitais, senón tamén, a paliar situacións xa crónicas: a educación básica non está ao alcance de todas as persoas, e as mulleres e nenas teñen que enfrontar obstáculos como a distancia ata a escola, a falta de servizos hixiénicos, os matrimonios e embarazos precoces ou o coidado de familiares enfermos.

A segunda cuestión é a necesidade dunha aposta por unha educación emocional e sentimental que nos achegue ao coñecemento propio, e este leve ao coñecemento do outro. Pensamos que é necesario un cambio na formación e ensinanza do ser humano para o pleno recoñecemento dos dereitos universais como algo propio e inalterable.

Se o século vinte foi o século da expansión cara fora, pretendendo conquistar o universo, o século vinteún debería ser a conquista do espírito e da esencia do ser humano: seguimos sen saber quen somos, aínda que teñamos mais claro onde estamos.

Autora Enrédate Radio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *