Folga de fame do preso Javier Guerrero no Hospital de Pontevedra

carcere

Javi foi ingresado de urxencia no Hospital Provincial de Pontevedra o pasado 5 de xaneiro, despois de 24 días sen comer e máis de 2 días de folga de sede no cárcere da Lama. A súa folga comezou o 14 de decembro despois de que arbitrariamente a dirección penitenciaria lle anulase unha saída para unha cita médica (o 3-12-14., para o que se alegou falta de transporte policial) así como un permiso para o 30 de nadal para poder ir visitar a súa filla familia.

“Javi non só fai folga pola súa inxusta situación, senón tamén demanda a correcta aplicación do regulamento penitenciario, unha sanidade digna para as persoas internas e o cese da represión dentro das cadeas.”

Esta última suspensión (acontecida o 11-12-14) foi xustificada pola incautación a Javi dun “discsman” sen a etiquetaxe da cadea e, ainda que posteriormente se demostrou que dito discman non era de Javi, a autoridade mantivo a suspensión de todos os seus permisos.
Javi, activista polos dereitos das persoas presas, non só fai folga pola resolución da súa propia situación, senón tamén demanda a correcta aplicación do regulamento penitenciario, unha sanidade digna para as persoas internas e o cese da represión que se está a exercer a persoas que defenden os seus dereitos dentro das cadeas.
Coa súa loita lembra as pasadas loitas de compañeiros na cadea da Lama no presente ano, onde algúns fixeron xaxúns, prantes, cortes de veas e folgas de fame, coma a de 50 días que fixo Emilio Sánchez en agosto e setembro deste ano. Tamén cómpre lembrar a morte do preso e activista “Gaviotu” en extrañas circunstancias en abril deste ano.
O preso deixou a folga de sede o mercores día 7 despois de case 4 días sen beber, estando a súa saúde en grave risco. Ten diferentes doenzas que se están a agravar polo acto de protesta, e espérase que quede ingresado varias semanas máis. Por outro lado o cárcere continúa a dificultar a visita das súas amizades e familiares no Hospital e, incluso, dos avogados que o asisten.
Dende o grupo Galiza Sur da coordinadora anticarcelaria “Campaña Cárcere = Tortura” (CACT) estanse a facer concentracións nas inmediacións do Hospital Provincial de Pontevedra (se queres participar escribe a noestansolxs@gmail.com). Queremos que Javi saiba que non está só e que o persoal do Hospital se entere que teñen ingresado un loitador.
Sobretodo, queremos que a institución penitenciaria saiba que apoiamos as suas demandas, polo que pedimos que se lle manden cartas de solidariedade: JAVI GUERRERO CARVAJAL, Hospital Provincial de Pontevedra (unidade penitenciaria) Loureiro Crespo, 2, 36002 Pontevedra

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *