As persoas que estamos preocupadas por mellorar a sociedade precisamos abrir un debate. Denunciamos as barbaridades do sistema pero non profundizamos sobre o uso que fai a oligarquía sobre certos termos. Termos como “paro”, “débeda”, “diñeiro”, “inflación”, “mercados”, “capital”, “produtividade”, … sobre os que moitos receptores teñen limitado o seu concepto. Palabras repetidas constantemente nos medios como dogmas inalterables.
Non é esta unha situación inocente. A impresión xeral é que estes termos se refiren aos condicionantes dunha situación inevitable que a poboación debe asumir con resignación. A situción agrávase cando as veces, técnicos de “boa vontade” tentan explicar os termos á poboación dun xeito simple, pero esta simpleza nunca se dirixe á analise da natureza do sistema. Así preséntasenos dúas esferas de actividade económica, a “legal e ilegal”, “o sistema e a corrupción do mesmo”, cando na práctica hai unha continuidade, tanto nos axentes como nas ferramentas empregadas. Tampouco fan o exercio de buscar solucións concretas a problemas concretos, pensando en mellorar unha situación inmediata que propicie o inicio de cambios realmente transcendentais.
Entre todos eses termos suliñaría dous: “inflación” e“diñeiro”.
A inflación é presentada como algo univocamente malo, cando é un efecto natural e corrector dos desmáns dos financeiros. Actualmente, defender o nivel dos prezos é defender o poder dos que fixeron o “pelotazo”, amasaron unha cantidade de diñeiro e queren soster o seu nivel adquisitivo. Un proceso inflaccionario pode favorecer ao conxunto da sociedade, xa que significa a revalorización dos bens e servizos reais,
os que o pobo produce.
O diñeiro, supostamente accesible a todos, actualmente é unha ficción, sen valor económico positivo xa que a súa emisión está sometido á manipulación duns poucos que así controlan a economía no seu interese. Como recuperar o diñeiro para a economía do interese xeral? Eu propoño a recuperación dos Bancos Centrais, para que os gobernos asuman o control sobre o diñeiro, chegando a nacionalizar ou cando menos, a controlar eficazmente a banca.
Autor Miguel A. Quinteiro.