Alebrije.

1.12.5 montse

É un cabalo? É un mamut? É un sapo? É un nudista ortodoxo?

O alebrije é una figura imaxinaria formada por partes de diferentes animais, tanto reais como fantásticos. A súa presencia no territorio mexicano esténdese por toda a nación, mais é na cidade de México onde radica a súa orixe. Alí, o cartoneiro Pedro Linares López traballaba no seu taller de piñatas, máscaras e figuras de papel maché que logo vendía no Mercado de la Merced .

No ano 1936 Linares enferma gravemente,ficando na cama nun estado de semiinconsciencia. Neses delirios soña cun lugar tan estraño coma apacible, unha especie de bosque habitado por animais dunha peculiar natureza. Un burro con ás de bolboreta, un galo con cornos de touro e un león con cabeza de águia desfilarán pola súa mente berrando ao unísono

¡Alebrijes!¡Alebrijes!

“O éxito da producción de Linares popularizou a figura do alebrije, provocando a aparición de numerosos artesanos por todo o país.”

Despois de espertar (algúns din que no seu propio velorio) Pedro dá vida a esas alucinacións do xeito que mellor sabe: converténdoas en figuras de cartón. Pouco despois o dono dunha galería de arte de Cuernavaca descubre o seu traballo nunha visita ao mercado, acontecemento que remataría por achegar a súa obra a Frida Kahlo e Diego Rivera, quenes comezaron a encargar máis figuras da mesma tipoloxía. O éxito da producción de Linares popularizou a figura do alebrije, provocando a aparición de numerosos artesanos por todo o país.

No ano 1975 Judith Bronowski filmou un documental acerca de Linares que deu a coñecer estas figuras tamén no estranxeiro e as levou ao estatus de patrimonio cultural.

Esta tradición estendeuse rápidamente, dando inicio en moitos lugares a concursos de carrozas e derivando tamén noutras manifestacións artísticas, como é a da talla de alebrijes en madeira característica do estado de Oaxaca. Alí mesturaron a invención de Linares coa tradición da talla en madeira de copal propia da rexión.

Linares recibiu en 1990 o Premio Nacional de Ciencias y Artes na categoría de Artes y Tradiciones Populares, a máis alta condecoración para artesáns outorgada polo goberno mexicano. Asemade, os traballos que realizou para Diego Rivera pódense visitar no museo Anahuacalli da Cidade de México.

Montse Piñeiro
http://montsepinheiro.wordpress.com/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *