Os cidadáns somos adoutrinados na crenza de que cos impostos estamos a contribuír coa sociedade. Trátase dun pacto ineludible co que renunciamos ao ben individual a favor do ben común. Pero dende o comezo ese pacto nace en falso, pois nin os cidadáns poden escoller se queren contribuír, ou en que medida, nin tampouco poden escoller a que van destinados os seus cartos. O todopoderoso Estado, encarnado na casta política que pide o voto en eleccións pero que non pide opinión no resto da lexislatura, é quen rouba e decide.
“O pacto dos impostos, non subscrito libremente pero de
obrigado cumprimento, é unha estafa consumada.”
Levamos anos vendo como os servizos sociais que din brindar o estado de medio-benestar foron arrincados de raíz. O Estado desenténdese completamente dos cidadáns. Que llo pregunten ás persoas desafiuzadas sen diñeiro nin vivenda, aos parados sen prestacións, aos dependentes abandonados á súa sorte, aos xubilados que cobran cada vez menos, aos estudantes sen bolsa, aos pacientes que deben pagar as medicinas, aos denunciantes/denunciados que pagan as taxas xudiciais, aos preferentistas estafados pola banca, aos emigrantes privados de sanidade, etc… Non son casos illados, son un síntoma da podremia do sistema.
A pregunta que titula este artigo ronda polas mentes da inmensa maioría da poboación. Pagamos cada vez máis impostos, e incluso créanse algúns novos, a cambio de menos prestacións. O pacto dos impostos, non subscrito libremente pero de obrigado cumprimento, é unha estafa consumada. A ninguén se lle escapa que, ao igual que os intermediarios son os responsables de que a un agricultor se lle pague 0,20€ o quilo de tomates pero se venda a case 2€, os intermediarios aquí (os políticos) son os que quedan cos cartos. Moito máis doloroso é ver como a actualidade política énchese de novas que falan de políticos corruptos, de gobernos e partidos que malversan fondos públicos, de ministros e cargos públicos que evaden impostos, de grandes fortunas feitas a costa do contribuínte agochadas en paraísos fiscais, de empresarios explotadores enriquecidos coa escravitude dos seus traballadores… Diferentes casos que teñen un trazo común: os que administran os bens comúns evaden a obriga que lles impoñen aos seus administrados: o sacrosanto deber de pagar relixiosamente os impostos.
Daniel García Reigosa.