A Boia entrevista a… Toni Martínez, cooperativista-traballador de “La Marea”.

1. Como funciona unha cooperativa como La Marea?

Trátase dun modelo cooperativo no que as grandes decisións as toma a asemblea de socios/as e na que non hai ningún gran empresario/a detrás.

Trátase dunha cooperativa na que hai dous tipos de socias: socia-usuaria e socia-traballadora. Ademais hai un consello reitor (formado por 3 usuarias e 3 traballadoras) elixido pola asemblea e que se encarga de tomar decisións rápidas e concretas para que o funcionamento da cooperativa sexa máis áxil e dinámico.

2. Que opinas sobre a labor de Indymedia respecto de como entendemos o xornalismo na actualidade?

Eu creo que Indymedia, Nodo50.org e outros portais que naceron coa chegada de Internet foron indispensables para entender como é o xornalismo actualmente. Ademais, creou unha conciencia crítica sobre os medios de comunicación tradicionais.

De todos xeitos, eu creo que xa estamos nunha segunda fase. Temos que aspirar a crear medios de masa que non dependan de poderes económicos nin políticos e que non sexamos pequenos redutos.

3. É certo que hai xornalistas a soldo dos partidos políticos?

Non o sei, persoalmente non coñezo a ningún. O que si podo asegurar é que hai medios de comunicación a soldo de partidos políticos e de administracións locais, autonómicas ou estatais.

É normal, aínda que non debería selo, que se, por exemplo, un gran medio de comunicación en Galicia recibe millonadas en forma de publicidade da Xunta de Galicia, as súas opinións sobre Feijóo sexan… canto menos suaves.

Ao final se o teu modelo de negocio depende dos cartos que che dá un partido, un goberno ou uns grandes almacéns… es un pouco menos libre para informar sobre eles, non é?

E ese creo que foi un dos grandes males desta profesión, ter permitido iso.

4. Como debe ser a labor do xornalismo do século XXI?

Pois como a do século XX ou do XIX, non? Informar, contar historias, analizar, reportaxear, contar algo que alguén non quere que se saiba. Pero hai dous males que o xornalismo debe combater: o exceso de opinión e o exceso de información.

Ultimamente todo o mundo opina sobre os recortes en sanidade, a educación, o financiamento autonómico… pero se fan moi poucos reportaxes de análise, creo que esa debe ser unha liña do xornalismo do século XXI e creo que en “La Marea” imos nese camiño.

O outro problema é a sobreinformación, Twitter, Facebook, o mail… temos que comezar a cuestionarnos non só as informacións que vemos nos xornais, senón tamén todo o que chega á nosa bandexa de correo… Quizais ese tamén debería ser traballo dos xornalistas de hoxe, peneirar que é verdade e que non, e so dar voz ás cousas que sexan certas e contrastadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *