Parche.

1.14.2

Certo día… Xiana ía cara á escola coa súa nai como tódalas mañás, cando pasaron por diante do escaparate dunha tenda nova. Tiña un enorme e fermoso letreiro de moitas cores que puña:
XOGUETES
Xiana xa sabía ler moi ben e tirou do brazo da súa nai cara o escaparate da tenda. Alí, diante dos seus ollos… estaba o canciño de peluche… máis fermoso do mundo!!!!
Tiña tódalas cores do arco da vella e un ollar doce…..
– Mamá! – dixo Xiana – Mércame ese can! É precioso….
A nai, sabía que Xiana era una nena caprichosa que se aburría rápido dos xoguetes, non os coidaba, senón que os rompía, e cando xa non valían, botábaos ó lixo. A nai mirouna e díxolle:
– Xiana, só cho mercarei, se prometes coidalo e non estragalo.
– Si, sii,siii! – dixo Xiana.
– Cando saías da escola mercarémolo.
Xa no cole, Xiana contoulle no recreo ós seus compañeiros o bonito que era o cadeliño que lle ían mercar.
Ó saír da escola, foron recollela os seus pais, para ir á tenda de xoguetes. Cando entraron na tenda, a Xiana o can aínda lle pareceu máis bonito ca antes e quedou pasmada a miralo… O pai que se deu conta díxolle:
– Xiana, prométesme que vas coidar o peluche?
– Si, sii, siii! – dixo Xiana.
E… si, sii, siii! Así foi…
En menos tempo do que canta un galo, todos ían cara á casa: papá, mamá,
Xiana e o canciño de peluche. Xa na casa, Xiana levaba todo o tempo o
can no colo… Peiteouno e cantoulle fermosas cancións que lle ensinaran
na escola.
Cando a súa nai a bañou, tapou o canciño cunha mantiña nunha cesta, para que durmise. Cando o seu pai tivo a cea lista e os tres sentaron á mesa para cear, Xiana sentou o cadeliño ao seu carón. Pola noite durmiu abrazadiña a el.
O día seguinte era sábado, e os pais de Xiana levárona ó parque. Ela levou o seu novo e relucinte cadeliño de peluche, ensinoullo a tódolos nenos, que non facían máis que dicir:
– Que cores máis fermosas ten!
– Que bonitiño é….!
– Déixasme xogar con el?
Foi un día estupendo!
Foi un día estupendo!  Pola noite, na casa, cando a súa nai a bañaba, Xiana contáballe tódalas cousas que lle dixeron os seus amigos do canciño.
Pero Xiana… non se lembrou de coller o can e poñelo na cestiña tapado a durmir, tiña tanto que contar…
Cando o pai preparou a cea e sentaron todos á mesa, Xiana contoulles como xogaron ás agachadas e Lois non a atopara.Pero Xiana…non se lembrou de buscar o canciño e sentalo ó seu carón.
Cando foi para a cama, adormeceu en nadiña, estaba moi cansa.
Pero Xiana…non se lembrou de coller o canciño, para durmir abrazadiña a el.
Pola mañá o sol que entraba pola fiestra espertou a Xiana, saltou da cama e vestiuse. Era unha fermosa mañá de domingo, e despois de almorzar foron outra vez ao parque. Xiana tirouse polo tobogán e randeouse. Máis tarde chegou a súa amiga Carme:
– Ola Xiana! Onde tes o teu canciño? Gustaríame xogar con el.
Xiana non lembraba que fixera con el, apetecíalle xogar á pita… Xiana seguiu xogando con Carme.
Pasaron moitos días e pasaron moitas noites… Pero unha mañá cando Sofía xa ía marchar do parque… viu algo estraño detrás dun banco…
acercouse… e…
Sabedes que era?
Alí estaba o canciño de peluche!
Estaba moi sucio, roto e un daqueles fermosos ollos de botón faltáballe… A Sofía pareceulle o can máis fermoso do mundo, colleuno con moito
xeito e correu cara ós seus pais berrando.
– Mirade! Mirade! Atopei un cadeliño fermoso!
Os seus pais, non entendían nada… Era un can roto, feo e vello. Pero Sofía, sabía ollar como só o fan os nenos, ela miraba máis alá dos seus rotos e a súa sucidade… Levárono a casa, remendárono, lavárono e coséronlle outro botón de ollo. Cando remataron, o cadeliño estaba máis fermoso aínda que de novo. Sofía e os seus pais, nunca, nunca, nunca XAMAIS o esqueceron en ningún parque, e nunca, nunca, nunca XAMAIS o deixaron de querer, aínda que fose vello.
E por iso o canciño PARCHE sempre, sempre, sempre será a nosa mascota.

Por Asociación Protectora de Animais de Ponteareas “Biosbardos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *