Durante décadas, as elites do sistema financeiro, grandes empresas, fondos de inversión, cúpulas políticas, etc. fixeron da corrupción un modo de acumular fortunas, procedentes xeralmente dos impostos dos cidadáns. A impunidade era absoluta. Ninguén ousaba abrir a lata so pena de ser inhabilitado, mesmo a xustiza é condenada polo seu atrevemento. A xustiza podía xulgar e condenar a un pilla galiñas, pero a esa reducida elite… nin tocala.
Formigón para o porto de Punta Langosteira
foto: Santi Villamarín
Coa que está caendo, a ninguén lle pode sorprender que os cidadáns esteamos indignados, cabreados e mesmo sintamos vergoña allea por tanta trama corrupta, por tanto saqueo do diñeiro público, é dicir, dos nosos impostos.
“Agora entendemos por que, con fondos públicos, se teñen feito obras millonarias, que non eran precisas para o interese xeral, pero si para o peto duns cantos”
Agora é entendible por que, con fondos públicos, se teñen feito obras
multimillonarias, que non eran precisas, ou non prioritarias para o interese xeral, pero si para os petos duns cantos. Xa na etapa pre democrática había rumores de prácticas fraudulentas. Pero o máis difícil de asumir é que na democracia se continúe con esas prácticas. Por que non se denunciaban estas practicas? Porque son precisas probas. Quen tiña esas probas? Os corruptos e os corrompidos e como é fácil de entender, os lobos entre si non se comen.
Dá náuseas imaxinar os miles de millóns que supón ese 5% de todas
as contratacións e os investimentos públicos nos últimos trinta anos. Dá náuseas ter que escoitar as explicacións e as xustificacións dos corruptos, sempre defendéndose, xustificándose e poñendo o ventilador a funcionar e defender. E os xefes principais: son persecucións, non sabían nada, pasaban por alí, etc. Como
rematar con estas prácticas? Desde a miña humilde opinión, non son precisas moitas leis, cunha curta e diáfana abondaría. Tería que establecer, de xeito totalmente diáfano, que os corruptos e corruptores que defraudan ou rouban diñeiros públicos deberán devolver ata o ultimo céntimo con intereses e ir directos ao trullo. É difícil acadar este obxectivo cando o poder lexislativo tamén está metido na allada. Todo “presuntamente”.
Serxio Regueira