Dende 2010, ESF desenvolve un proxecto para mellorar a educación formal e non formal en aspectos agropecuarios e de produción sostible no sur de Ecuador, que implica tanto colexios de ensino técnico coma organizacións de produtores/ás, administracións públicas e familias. Durante os tres anos de vixencia do proxecto -que finaliza o último trimestre deste ano- as diferentes actuacións beneficiarán directa e indirectamente a máis de 68.000 persoas entre agricultores, estudantes e docentes das provincias de Loja, Zamora Chinchipe e El Oro.
Grazas a este proxecto, a xuventude pode formarse nun oficio, neste caso o da explotación agropecuaria, que lle permitirá abrirse camiño no mundo laboral.
E ademais, faino cun enfoque ambiental, aprendendo técnicas e procedementos de produción respectuosos co medio. Co fin de axudar a comercializar os produtos que elaboran e sensibilizar a poboación en temas de sostibilidade, organízanse feiras agroecolóxicas, onde os colexios técnicos poñen á venda a produción agroecolóxica feita polo seu alumnado. Deste modo, estes centros educativos convértense en espazos de referencia para a súa comunidade en agroecoloxía e produción sostible.
As organizacións de agricultores son outro dos colectivos implicados no proxecto de ESF, que presenta como unha das súas principais virtudes a estreita vinculación entre os sectores educativos e produtivos. Neste sentido, os diferentes centros de produción da zona organizáronse en rede para fortalecer as súas capacidades de actuación e aumentar a súa produción conseguindo ademais vender os seus produtos ecolóxicos de xeito directo ao consumidor, sen a necesidade de intermediarios. Todo iso repercute en última instancia nun aumento dos ingresos de numerosas familias con escasos recursos.
Con estas actuacións, ESF contribúe a garantir o dereito das sociedades á soberanía alimentaria e a xestionar o seu propio modelo produtivo sobre a base de proxectos que repercuten no desenvolvemento local e a unha estratexia que abrangue as etapas de produción, transformación e comercialización.
Autor Educación sen fronteiras.