O actual sistema alimentario: impactos e alternativas.

logotipo_adtO modelo agroalimentario actual está baseado nunha industria globalizada causante de grandes impactos socioeconómicos e ambientais, que afectan especialmente aos países empobrecidos. O acceso a produtos fóra de tempada e a variados alimentos exóticos e tropicais, así como as políticas comerciais promovidas pola Organización Mundial do Comercio (OMC) e outros organismos internacionais, estimularon un modelo baseado na deslocalización da produción e na importación e exportación internacional de alimentos en detrimento dun modelo de produción e distribución local.

Esta globalización da industria alimentaria ten graves consecuencias nos recursos naturais, os ecosistemas e as poboacións, especialmente dos países empobrecidos. Así pois, o transporte de alimentos non só contribúe ao cambio climático debido ás emisións de CO2 que xera; senón que pon en perigo a seguridade alimentaria de gran parte das poboacións empobrecidas do planeta.

A deslocalización da produción, que busca reducir custos ao longo de toda a cadea de produción e comercialización alimentaria, xera privatización e degradación dos recursos naturais, expulsión do pequeno campesiñado ou deforestación, debido á procura e adquisición de novos solos para cultivo industrial.

Como consecuencia deste modelo os alimentos que consumimos veñen cada vez de máis lonxe. En concreto, segundo datos da Universidade de Vigo e Amigos de la Tierra*1, en 2007 cada tonelada de alimentos viaxou unha media de 5.000 quilómetros, nada menos. Non obstante, aínda estamos a tempo de mudar, e a través das nosas decisións e hábitos de consumo podemos cambiar cara a un modelo sostible, saudable e espectuoso co medio ambiente. Consumindo alimentos frescos, de tempada e que procedan de lugares próximos reduciremos o impacto ambiental e social do actual modelo, fomentando a soberanía alimentaria, o desenvolvemento rural sostible e a protección da nosa contorna.

Nota 1: Informe “Alimentos Kilométricos. Las emisiones de CO2 por la importación de alimentos al Estado español” (dispoñible en: www.amigosdaterra.net)

Autor: Amigos da terra

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *