Que é a Oficina de Dereitos Sociais de Coia?
Un punto de información sobre dereitos sociais no que tentamos ofrecer información alternativa acerca de axudas sociais, denunciar o empobrecemento, visualizar a dor causada polo capitalismo e artellar respostas colectivas e dende abaixo a esta tolemia que nos ofrecen como única vida.
No último ano levamos unha sorpresa. Sen saber moi ben como, comezamos cunha dinámica de asembleas abertas, os martes cada 15 días na parroquia do Cristo en Coia, nas que participamos xentes moi diversas e dende as que nos puxemos a buscar saídas en forma de concentracións, presentación de escritos, reunións con colectivos sociais…
Recentemente participastedes nunha campaña de denuncia do mal funcionamento dos servizos sociais do Concello de Vigo. Cales eran as deficiencias? Houbo algunha resposta dende o Concello?
Coas asembleas vimos que os problemas que padeciamos ao relacionarnos con servizos sociais tiñamos que afrontalos de modo colectivo. A opacidade na xestión das axudas, os elevados tempos de agarda, a “burrocracia”, a ausencia dun protocolo que respecte o procedemento administrativo legalmente establecido… eran problemas xeneralizados que nos deixaban nunha situación de indefensión ante a administración, así que comezamos a denuncialos publicamente ao tempo que nos reuniamos cos responsables políticos esixindo solucións. Finalmente a presión que exercemos ao longo destes meses semella que fixo efecto e hai unhas semanas Isaura Abelairas convocounos para falar deste asunto e para recoñecer algunhas das nosas reivindicacións. Está por ver como e cando implementarán esas mudanzas, pero seguiremos a esixir dereitos sociais para todas.
Dun xeito breve e sinxelo, podes explicar en que consiste a Renda Básica da Iguais (RBis).
É o dereito de toda persoa a percibir unha contía periódica para cubrir as necesidades básicas. A RBis é individual, universal, incondicional e cunha contía polo menos igual ao limiar da pobreza. Ademais, unha parte percibiríase en man e outra iría a un fondo común cuxo destino se decidiría colectivamente.
É unha proposta máis que, dende o rexeitamento ao sistema capitalista, busca ser unha ferramenta para redistribuír a riqueza e transformar a sociedade dende abaixo e colectivamente.
Como pensades que debemos tecer a resposta social para cambiar o actual sistema?
Nós buscamos facelo no día a día, cos apoios e relacións con outras, facendo festas, intentando comprender esta tolemia, denunciando aos responsables de tanta dor, artellando espazos de vida… en definitiva, vivindo iso que repetimos moitas veces “Xuntas a calquera parte, soas a ningunha”.