A construción da Unión Europea actual ten como núcleo central o capitalismo. Todo o edificio da Unión Europea constrúese sobre as directrices neoliberais ditadas pola Troika (Banco Central Europeo, Consello de Europa e Fondo Monetario Internacional).
O ano 2010 foi o ano que se marcou a Unión Europea para rematar coa pobreza definitivamente en Europa, pero a chegada das políticas de recortes en dereitos xustificados a través da “crise” económica para pagar unha débeda ilexítima creada dende as elites económicas, fan camiñar aos cidadáns e cidadás do continente en dirección contraria. Europa hoxe conta con 125 millóns de persoas vivindo na pobreza (un 25% da poboación!) dos que 25 millóns son nenos e nenas,e onde se sitúan o 8,9% dos traballadores e traballadoras.
Pero a UE é cada vez máis determinante nas nosas vidas. A Unión Europea vertébrase a través dun modelo de colonialismo económico que usurpa a soberanía aos estados a través medidas de aforro e recortes, afastando os órganos do poder popular e pousándoos no poder empresarial.Calcúlase que neste momento o 70% das leis polas que se rexen os estados membros teñen a súa orixe directa ou indirectamente na UE. De aí medidas como a modificación do artigo 135 da constitución española aprobada polo PP e o PSOE, o conflito do Tax Lease ou o conflito da cota coa frota pesqueira do cerco.
E perante esta situación a tensión social vai en aumento. Cada día que pasa as mobilizacións, iniciativas e protestas crecen en número e variedade. A organización popular medra buscando a construción doutra Europa que poña como centro de construción o social, o ecolóxico e a solidariedade entre os pobos e as persoas. Unha Europa que debe conducirse frontalmente contra o capitalismo e enfrontarse ao mesmo afastándose dos valores de competitividade, delegación das responsabilidades e beneficio e rendibilidade económica, apostando por un modelo de colaboración, autoorganización e asunción da responsabilidade individual sobre o colectivo, o reparto equitativo da riqueza e a protección dos dereitos, as liberdades e a natureza!