A verdade triunfa por si mesma, a mentira sempre precisa complicidade.
Epicteto.
Estes son tempos de loita, recollemos a testemuña de quenes o fixeron antes cá nós, e enfrentámonos desde a palabra, desde a ética, desde a deliberación, desde a universalización dos valores inmutables, á defensa dos dereitos humanos…e dicimos defensa porque están sendo non só atacados, senón eliminados, fragmentados e mesmo borrados da memoria e da realidade.
Bórranse os dereitos coas armas máis poderosas que ás das batallas de sangue: úsase a ignorancia e o medo, que envolven a nosas vidas de decisións erróneas, na resignación de que ás cousas son como ás contan, quen pode contalas. A defensa dos Dereitos Humanos é unha das tarefas primordiais do xornalismo, pero as profesionais non poden exercer a súa labor se os propios dereitos humanos son vulnerados.
“Procúrase a separación unha vez máis, entre as persoas que temos,
e as que non teñen, e esa é a fronteira, a única que en realidade importa.”
Hai que denunciar que a presenza de discursos totalitarios cada vez e máis común, isto non é o azar, ao converter ás persoas que exercen o dereito á mobilidade en inimigas, procúrase a separación unha vez máis, entre as persoas que temos, e as que non teñen, e esa é a fronteira, a única que en realidade importa, a da ignominia de saber que a existencia do suposto “problema” sobre a outra xente, sobre a diferente, sobre a estranxeira, está baseado en que temos que compartir: aí susténtase o odio irracional e desde aí, desde a premisa de que non chega para todas, decidimos quen
recibe e quen non.
Somos as netas e netos dunha xeración que non tivo alegría, aos que se lle quitaron as ocasións de ter oportunidades, e aínda así, nese escenario tiveron a certeza de que todo ía mudar para o ben común; somos descendentes das persoas que pensaron que as ideas eran máis importantes que a vida, e perderon a vida por esas ideas, e perder, perdemos todas. Creouse outra xeración, á quen se lle fixo culpable do que fixera ou do que non fixera, pagáronse culpas propias e alleas. Aprendeuse a desconfiar, a vulnerar, a elección entre o eu e a outra, e esquecimos que canto máis das, máis recibes, e que estase mellor todas xuntas que separadas.
Nós cremos firmemente que a vida humana vale máis que calquera idea, aínda que hoxe en día o seu valor sexa menos que unha crónica en sucesos, menos que pronunciar a palabra erro ou perdón, e que tería sido mellor non lanzar pelotas de goma.
Enrédate Radio.
Foto Lau.