Somos parte do problema ou da solución?

O obxectivo do Traballo Social é procurar un Sistema máis xusto e equitativo, eliminando barreiras que dificultan o acceso de determinadas persoas e colectivos ao estatus de benestar e sendo promotores de cambio social. O noso lugar está co pobo, somos moitas veces o único altofalante que poden ter persoas que doutro xeito xamais serían escoitadas nin visibilizadas. Sabemos que as nosas intervencións son sostidas e validadas en canto que loitamos a prol dos Dereitos Humanos recoñecidos pola lexislación internacional. Deberiamos ser abandeiradas da indignación, técnicas proactivas nas propostas de solución e insubmisas dun sistema cruel e inhumano.

“As traballadoras sociais deberiamos ser abandeiradas da indignación, técnicas proactivas nas propostas de solución e insubmisas dun sistema cruel e inhumano.”

Máis somos parte do problema. Somos as que xulgan a unha muller por traballar en negro para completar unha axuda de 400 euros. Somos o Sistema que etiqueta ao estranxeiro como ladrón e aproveitado. Somos as que teñen medo a perder o seu posto e tragamos con imposicións políticas. Somos moitas veces as policías que perseguen e que ameazan. Somos as que temos o poder de moitas vidas nas nosas mans e que decidimos, non segundo o que máis lle convén, se non o que nos ditan dende arriba. Somos as que deixamos que se siga recortando, que desapareza a lei de dependencia, que as axudas de emerxencia tarden case un ano en resolverse. Somos as que nos amparamos en que “son drogadictos ou borrachos e que non queren insertarse” para tapar as vergonzas dunha sociedade onde a brecha entre os que poden e os que non é tan grande que é difícil volver a subirse no barco cando caes.

E si, tamén somos as que chegamos a casa e choramos de impotencia. As que  nos sentimos enlouquecer por tratar de  vivir entre dúas augas tan opostas. As que recibimos as labazadas tanto do que pide como do que non quere dar. As que no noso interior aínda trememos de indignación cando se comete una inxustiza.

Enredate

Recuperemos a esencia do traballo social. Levantémonos. Declarémonos en subversión: non imos a ser máis a cara visible do neoliberalismo, vamos a deixar este lado da mesa para sentarnos enfronte, xunto co resto da poboación e imos tirar do carro dunha sociedade moi farta de perder dereitos. Temos una oportunidade de ouro para demostrar que non perdemos o que somos.

Enrédate Radio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *