A Panificadora: infraestrutura pública.

Silos PanificadoraA Panificadora é un dos elementos de patrimonio industrial máis populares de Vigo. Para “Entremos na Panificadora”, esta fábrica abandonada é un espazo de oportunidade.
Trátase de 7.000 m2 de parcela e 12.000 m2 de edificacións, situados no corazón da cidade. Un espazo arquitectónico funcional e singular, co valor engadido de ser símbolo da industrialización viguesa (a Panificadora estivo en activo de 1924 e 1980, chegando a producir pan para 100.000 persoas).

En “Entremos” levamos dende 2009 traballando pola rehabilitación e reutilización da Panificadora, opoñéndonos á especulación inmobiliaria, realizando actos de difusión e traballos de documentación sobre a Panificadora.

Convencidos de que é preciso involucrar a toda a cidadanía, o 25 de xaneiro, ”Entremos” e o “TANKollectiv” convocamos á cidadanía nunha “Asemblea aberta”; onde, entre outras cousas, informouse sobre a actual situación urbanística:

En outubro de 2010, o Pleno do Concello de Vigo abriu o proceso para realizar unha “Modificación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal”, declarando a Panificadora parte do “Sistema Xeral de Equipamentos” da cidade: unha infraestructura pública como o
é o parque de Castrelos. En xullo de 2011 a Xunta deu o “visto bo” a esta iniciativa, pero actualmente, sen xustificación algunha, o proceso administrativo está bloqueado no Concello.

Así pois, nesta asemblea aprobouse realizar unha campaña pública, unha “Demanda ós/ás concelleiros/as”, na que os asinantes reclaman que estes cargos públicos fagan o posible para que o Concello “informe canto antes a cidadanía sobre o estado da “Modificación Puntal do PXOM no ámbito d’ A Panificadora”, “Axilice este proceso administrativo, que leva bloqueado dende o verán de 2011”, e tamén eles mesmos, “participen e fagan partícipe a cidadanía, no proceso de rehabilitación e reutilización da
Panificadora”.

Ata o 6 de Abril podes atopar follas de sinaturas desta demanda na “Cova dos Ratos” e no “Bou Eva”. O día 8 serán entregadas. Para participar nesta e outras actividades en prol da Panificadora, contacta connosco en www.entremosnapanificadora.com.

Uxío Reinoso, Membro de Entremos na Panificadora

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *