Ernest Renan
“Unha nación é un plebiscito diario´´
Que é a autodeterminación?
O dereito de libre determinación dos pobos ou dereito de autodeterminación é o dereito dun pobo a decidir as súas propias formas de goberno, perseguir o seu desenvolvemento económico, social e cultural, y estruturarse libremente, sen inxerencias externas e de acordo co principio de igualdade.
A libre determinación está recollida nalgúns dos documentos internacionais máis importantes, como a Carta das Nacións Unidas e os Pactos Internacionais de Dereitos Humanos. É polo tanto un principio fundamental do Dereito internacional público que xera obrigas para os Estados.
O concepto ten, certamente, un carácter polémico, e no discurso político actual aparece vencellado a situacións de desestabilización. Un dos motivos da polemicidade do termo habería que buscalos en que esta ligado ao concepto de “pobo´´ para o que non hai unha definición categórica única. Unha concepción maioritariamente occidental considera “pobo´´ ao conxunto de habitantes dun Estado mentres que as diversas minorías nacionais ou pobos indíxenas dentro de Estados tamén se autodefinínen como pobos.
“A autodeterminación dos pobos non se esgota nun exercicio político puntual, senón que se extende por un camiño propio cara o desenvolvemento económico, social e cultural ”
O dereito de autodeterminación ten unha natureza composta e polifacética, dado que comprende aspectos políticos, económicos, sociais e culturais; e precisa para unha efectividade plena a concurrencia de todos estes elementos. Non se esgota nun único exercicio puntual, senón que garante o dereito de cada pobo a manter as súas formas de goberno e o seu camiño propio cara ao desenvolvemento económico, social e cultural.
Independetismo e autodeterminación.
O independentismo e a autodeterminación dos pobos aparecen como termos sinónimos hoxe en día, pero realmente achegan matices diferentes.
O independentismo é unha corrente política, procedente en xeral do nacionalismo, que propugna a independencia dun territorio respecto do estado ou estados en que se circunscribe, mentres que o dereito de autodeterminación dos pobos é o dereito que ten un pobo a decidir as súas propias formas de goberno e polo tanto como se relaciona co resto dos pobos. Moitos dos pobos que apelan ao dereito de autodeterminación buscan a independencia do estado no que se atopan circunscritos, pero o independentismo non é a única vía da autodeterminación. A autodeterminación dun pobo tamén pode buscar o federalismo, confederalismo, unitarismo ou calquera outra forma de relación conforme ás aspiracións dese pobo.
Relaciónanse de xeito confuso tamén o independentismo e a secesión. Mentres que no independentismo hai un pobo que procura acadar un novo estado, no secesionismo o obxectivo é separación dun estado xa preexistente da unión con outros estados.
“O indixenismo esixelle aos estados un marco político no que estes pobos poidan desenvolver a súa soberanía tal e como queda recollido no dereito internacional para os outros pobos e nacións”
A autodeterminación indíxena.
O movemento indixenista proclama que a autodeterminación é o dereito máis importante dos pobos indíxenas e esíxelle aos estados nos que fican presos que recoñezan un marco no que poidan desenvolver a súa soberanía como queda recollido no dereito internacional.
Especialmente vencellado ao movemento indixenista está a cultura da Pachamama. Unha divinidade que representa á Terra, mais non só o chan ou a terra xeolóxica, así como tampouco só a natureza; é todo iso no seu conxunto. Non está localizada nun lugar específico, mais concéntrase en certos lugares como mananciais, vertentes ou apachetas. É unha deidade que actúa directamente, por presenza e coa cal se dialoga permanentemente, ben sexa pedíndolle sustento ou desculpándose por algunha falta cometida contra a terra e por todo o que nos prové. Esta visión da Terra é totalmente allea á visión antropocéntrica que o ser humano ten coa natureza en Occidente e só é comprensible dende o profundo respecto e veneración cara ao coidado da Terra e os recursos naturais.
E ti… que podes facer?
Infórmate e informa sobre a historia, cultura e sociedade, así como das diversas situacións dos pobos. Actúa naquelas campañas, iniciativas e accións que apoien o dereito que ten todo pobo a decidir sobre si mesmo. Insírete e participa en colectivos e todo tipo de organizacións que aposten pola libre elección e o poder de decisión dun pobo sobre como se organiza e se relaciona co seu redor.
Ecoar)))