Treboadas: unha visión libertaria do feminismo.

O grupo anarcofeminista Treboadas nace en Vigo pola necesidade de dar unha resposta contundente ós distintos tipos de dominación que adopta o patriarcado e pola falta de alternativas feministas coas que sentirnos identificadas.

Treboadas
Agora para que a violencia machista conte nas estadísticas é necesario estar hospitalizada máis de 24 horas. As vítimas de proxenetas terán que demostrar que
o foron. As inmigrantes violadas son sospeitosas de finxir. A inseminación non é para mulleres soas. O aborto é unha constante disputa entre o goberno e as mulleres, intentando estes escribir as súas leis retrógradas nos nosos ventres.

“Non queremos ser polícias nin xefas, queremos que o patriarcado desapareza, non queremos que se nos recoñeza nese mundo coma iguais a golpe de subvención.”

Dar subvencións á contratación de mulleres por considerarnos inferiores ao mesmo tempo que se subvenciona unha cultura que nos considera inferiores é algo estúpido a non ser que detrás de todo isto atopemos un compoñente ideolóxico herdeiro da dictadura franquista, que coa súa “Red Madre” está a montar a sección feminina do século XXI.

O feminismo institucionalizado conta coas subvencións do mesmo estado patriarcal. Non queremos ser polícias nin xefas, queremos que o patriarcado desapareza, non queremos que se nos recoñeza nese mundo coma iguais a golpe de subvención.

As relacións de poder establecénse coma forma de sometemento do individuo ao Estado, sendo o patriarcado un dos primeiros eixos xerárquicos de dominación e uniformización da muller, a abolición do Estado ten que vir acompañada da destrucción do patriarcado, xa que ambos son manifestacións de control, represión, adoutrinamento e dominación do xénero humano.

Coma anarcofeministas opoñémonos ao autoritarismo estatal, negámonos a formar parte do seu circo político, rexeitamos calquera forma de dominación. Non queremos ter o mesmo estatus que o home, nin levar “éxito” e “poder” escritos na nosa fronte. Non somos dóciles, sensibles nin dependentes. Coma mulleres non nos recoñecemos neses roles preestablecidos. Asimesmo nos opoñemos a todo tipo de discriminación positiva, que non fai senón reforzar o falso mito do “sexo débil” e é un claro obstáculo cara a nosa emancipación.

O patriarcado debe rematar, e con el todas as súas manifestacións de poder. O patriarcado e o Estado son dúas caras dunha mesma moeda que convén abolir.

Autoría Treboadas

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *