Hai unha estratexia para desmantelar o ferrocarril público en Galicia?

interventor feveFoto:Xornalcerto

Crónica dunha viaxe en tren onde é imposible mercar un billete e onde as persoas que viaxan nel nunca existiron. É verdade que non hai pasaxe nos trens galegos?

““É un sábado de maio do 2014. Collemos o derradeiro tren do día. A liga de fútbol atópase no seu tramo final, pero o número de pasaxeiras é non obstante elevado. Nós subimos nunha das paradas anteriores a Ortigueira, onde non puidemos mercar o billete, xa que non hai máquina. No tren sentámonos esperando pola interventora. As paradas se suceden e ninguén aparece. Preguntamos as outras viaxeiras: a interventora baixou en Ribadeo e non subiu outra.

“Non hai interventora, nen negún outro tipo de control. É habitual que as persoas soben e baixen do tren sen poder pagar”

Moita xente atópase coma nós. Sen billete e sen saber que facer. Outras xa están acostumadas: É habitual. a maior parte das persoas soben e baixan do tren sen poder pagar, xa que non o poden facer. Tampouco vai quedar constancia de que esas persoas fixeron a viaxe.

A xente descende en Sedes, Narón, Xubia, San Xoán… sen poder pagar. Nós baixamos en Ferrol, derradeira parada. Nesta estación hai unha barreira, onde temos que introducir o billete que non puidemos mercar para poder pasar. Moitas persoas atópanse na nosa mesma situación. Chamo a xefa de estación, quen me indica que colla o billete nunha
máquina expendedora. Perplexo, merco o meu billete premendo na máquina a miña parada de orixe. Se quixera, podería ter marcado coma orixe San Xoan, a parada anterior a Ferrol, para pagar menos. Non hai control.

O  persoal da estación certifica o que din as pasaxeiras: que a ausencia de interventora é unha situación habitual, e que é mais corrente entre Ferrol e Ortigueira, precisamente o tramo con máis ocupación; e que é decisión da dirección de RENFE, que non quere poñer persoal nestes trens. A causa a descoñecen, pero cren que é unha estratexia para desmantelar os trens; e que se non o fixeron xa o outono pasado foi porque unha serie de alcaldes afíns ao goberno se rebelaron. Pero que os horarios e as ordes de supresión xa
estaban dadas…

O resultado da viaxe foi que o 80% das viaxeiras non foron contabilizadas, a mesma porcentaxe de billetes que non se venderon, coa conseguinte falta de ingresos para manter o tren.”

feve LaVeguiFoto:LaVegui

Se alguén toma o tren en, por exemplo, Moeche, da liña Ribadeo–Ferrol, o mais probable é que non poida mercar o billete: na estación non hai despachos (só hai en 5 das 51 paradas, que son as que teñen barreiras nas saídas); e no tren non existen máquinas expendedoras de billetes. É moi probable que x interventorx non viaxe no tren, xa que a súa presenza está suxeita “a criterios de dispoñibilidade”, segundo nos informou a compañía. Na práctica quere dicir que habitualmente non o hai. Deste modo non se pode mercar o billete. Así:

  •  A persoa que realizou a viaxe non queda rexistrada en ningures. Para RENFE esa viaxe nunca tivo lugar. RENFE poderá alegar que na referida estación de Moeche non soben viaxeiras e argumentar que se pode pechar.
  • A  persoa que fixo a viaxe non puido mercar o billete porque non é materialmente posible. Desta forma RENFE pode argumentar que a liña é deficitaria.

A  estes dous puntos pódese engadir un terceiro:

  • Os horarios son escasos e os que hai non serven para que as persoas poidan ir traballar, ao instituto, á universidade,… RENFE non ten interese en facer un estudo de mobilidade e definir cales son os horarios máis convenientes, que tamén son os máis rendibles, malia a ser un tramo de alta ocupación. Non é o que farían todas as empresas?

“O ano pasado RENFE suprimiu e recortou as liñas con poucas vaixeiras. Mais, como fixo ese reconto de viaxeiras?”

Fai pouco máis dun ano RENFE elaborou o “Plan de racionalización de servizos ferroviarios“ que suprimiu e recortou as liñas consideradas “deficitarias” ou con poucas viaxeiras, pechando ata 56 estaciónsen Galicia. A desculpa de RENFE para suprimir paradas e liñas foi a falta de viaxeiras, suprimindo as paradas con menos de 1 viaxeira ao día e deixando cun único servizo diario ás paradas con entre 2 e 5 pasaxeiras ao día.

Mais, como fixo ese reconto de viaxeiras RENFE? Seguiu os criterios que está a aplicar na liña Ferrol-Ribadeo?

Se atendemos ao que aquí investigamos, parece que non é a falta de viaxeiras o problema do tren en Galicia, se non simple ineptitude… ou quizais unha premeditada vontade, unha estratexia,para acabar co servizo público…

Por certo, nas catro últimas viaxes que fixemos no tren Vigo-A Coruña, tampouco pasaron interventores…

AutoríaT ankollectif / Montenoso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *