Cultura libre.

17-4A cultura libre baséase na liberdade de modificación e distribución de traballos e obras creativas. Oponse ao concepto restritivo dos dereitos de autor. O movemento da cultura libre envolve a produción e a defensa de diversas formas de contido libre, como o software libre, coñecemento libre, música libre, entre outros.

Os anos 80 quedaron marcados pola aparición de numerosos movementos sociais de base (grassroots), pero só a partir dos anos 90 os movementos de cultura libre toman forma e conducen ao cuestionamento do copyright e á aparición do copyleft que critica a propiedade intelectual privada buscando a socialización do coñecemento. O proceso polo cal unha obra deixa de ser refén dos dereitos de autoría e pasa ao dominio público é notoriamente complexo e desigual, en determinados países existen obras que xa deberían pertencer ao dominio público e que poden ter un período de vixencia do copyright prolongado. Iso demostra un desequilibrio entre os intereses da maioría social e os do poder económico.

Podemos afirmar que a Cultura Libre defende que todo ben cultural, artístico, científico e tecnolóxico producido debería pertencer ao conxunto da sociedade. Xa que logo, debe ofrecer a liberdade de uso, modificación, adaptación e distribución a todos e todas.

“Coa aparición do concepto do software libre agroma unha actitude de enfrontamento á propiedade intelectual”

Coa aparición do concepto do software libre agroma unha actitude de enfrontamento á propiedade intelectual. O devandito software libre respecta a liberdade de todos os usuarios que adquiriron o produto e, xa que logo, unha vez obtido o mesmo pode ser usado, copiado, estudado, modificado e redistribuído libremente de varias maneiras. De acordo con eses conceptos, estudantes, artistas e xuristas comezaron a contestar a aplicabilidade legal e consensual dos dereitos intelectuais de natureza creativa e en 2002 propuxeron o Creative Commons. Este é un modelo máis flexíbel de propiedade sobre a obra. Créanse unha serie de licenzas estandarizadas para as obras artísticas e culturais que lle permiten ao autor reservarse só algúns dereitos sobre a súa obra, en contraposición ao “todos os dereitos reservados” do copyright. De acordo con esta licenza, outras persoas poden copiar, distribuír, exhibir e executar a obra; crear obras derivadas e facer un uso comercial da mesma, sempre que se recoñeza ao creador a autoría de devandita obra. Todas as reproducións necesitan ter os termos da licenza ben
definidos e explicados.

Oscar Lomba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *